Patrocinado porPatrocinado por

Bruxelas «entreabre» a porta aos cefalopoderos en Mauritania

c. p. BRUXELAS / CORRESPONDENTE

SOMOS MAR

CAPOTILLO

A asociación de cerco Acerga iniciou unha campaña de recollida de firmas a favor dunha repartición de cotas de pesca xusto

27 nov 2015 . Actualizado á 09:57 h.

Os cefalopoderos galegos están un paso máis preto de volver faenar en augas de Mauritania. A pesar das dificultades que atopou a flota para negociar o seu regreso ao caladoiro, o sector puido anotar onte unha pequena vitoria tras a súa frutífera reunión en Bruxelas co director xeral de Pesca da Comisión Europea, Joao Aguiar: «A porta non está aberta, está entreaberta. Dependemos da outra parte, de Mauritania. Pero Aguiar dixo que porá en marcha todos os esforzos posibles. Comprendeu a intensidade do problema», asegurou o presidente da asociación Anacef, Francisco Freire..

Da man do portavoz do BNG para Europa, Ana Miranda, e o deputado Daniel Rodas, Freire demandou que os 16 barcos cefalopoderos galegos sexan incluídos nunha nova modalidade de pesca, a de arrastre demersal, que contempla o acordo entre a Unión Europea e Mauritania.

A prioridade é acelerar o traballo e dispor de todos os informes necesarios para a reunión que manterá en febreiro a comisión mixta do pacto. O sector non pode agardar máis. Freire denuncia que os caladoiros alternativos, como o de Senegal, Guinea Bissau ou Marrocos non son rendibles: «Se non conseguimos retornar a Mauritania, será moi difícil que non siga habendo desguaces», advertiu.

Cita para o cerco

Miranda cualificou de «moi positivo» o encontro con Aguiar, quen tamén se comprometeu a recibir no principio do ano ao sector do cerco, amotinado fronte á Xunta para conseguir unha nova repartición de cotas. Non será o último contacto co sector, xa que ten pensado viaxar a Galicia para visitar a Axencia Europea de Pesca e manter unha reunión co Consello Galego de Pesca.

Mentres, a asociación de cerco Acerga iniciou unha campaña de recollida de firmas a favor dunha repartición de cotas de pesca xusto. Nun día conseguiu xa 1.000 rúbricas. Este acto forma parte do seu plan de mobilizacións para conseguir que se anule a distribución actual. Ademais, manteñen un paro desde fai máis dun mes e unha acampada en Santiago.