
Dez meses despois de que unha manda matase a Laika e Quesé nunha granxa do Vicedo, os donos desta mesma explotación de gando de San Román do Val atoparon o corpo da cadela
05 jul 2025 . Actualizado á 11:10 h.Icía Pérez non deixa de chorar. De impotencia e de rabia. Esta mañá, dez meses despois de que os lobos acabasen coa vida das súas cadelas Laika primeiro e Quesé, despois, este 4 de xullo outra das mastines que coidan o gando da granxa dos seus pais apareceu morta tras ser atacada polos lobos. Era Ría e xusto hoxe cumpría once meses. Icía non puido máis e descargou a súa rabia nas redes, como conta a súa nai Asperxo Lago, que manexa unha granxa de vacún de carne en extensivo en San Román do Val, no concello lucense do Vicedo. Icía colgou a foto das «tres perritas», ordenadas segundo a data das súas mortes, «por ataques de lobos». Aos seus 18 anos escribe que «leva unha chea de tempo avisando aos de arriba para que tomen medidas» porque nos últimos tempos, como explica, os ataques intensificáronse. E lanza un comentario que invita á reflexión: «Logo preguntaranse por que as zonas rurais desaparecen ou por que diminúe o sector primario. Pois porque se ignoran as súas queixas e as súas demandas de auxilio».

Ría morreu uns días despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica fixese públicos os datos de mandas, que mostran o crecemento medio de exemplares nun 12% con respecto ao informe sexenal presentado no ano 2019. En total, en España hai 333 mandas de cánido, o que supón entre 1600 e 1700 exemplares. Pero ese incremento, segundo o Ministerio, non é suficiente para garantir o estado favorable da especie, algo que non convence as comunidades do norte, entre elas Galicia, que posteriormente pediron a marcha do secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, por facer público o informe antes de consultalo.
Xusto este venres, despois de que onte transcendese que o Defensor do Pobo recorreu ante o Tribunal Constitucional a modificacion legal que ampara a xestión desta especie, a conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Ángeles Vázquez, volveu repetir que para a Xunta «o estatus do lobo é favorable», e lembrou que deberán de ser os tribunais os que resolvan este tipo de causas.
Ao mesmo tempo, dixo que a postura do Goberno central «non é fundada e segundo avanzan os meses cambian os argumentos». Engadiu que os datos que manexa a Administración autonómica constatan a boa conservación da especie e a súa ampla distribución polo territorio galego. «Non me quero desfacer deles (polos lobos), o que acontece é que de continuar deste xeito vámonos desfacer dos gandeiros». Neste sentido, volveu reiterar a súa discrepancia de que a xestión da especie se faga partindo dunha óptima xenerala de todo o Estado, non pensando nos que requiren os territorios onde existe unha maior poboación de lobos. A pesar de iso avogou por un «equilibrio máximo» entre o lobo e resto de especies. Esa será a súa batalla na próxima conferencia sectorial de Medio Ambiente na que se tratará este tema.