A Xunta acaba emitir o informe ambiental favorable ao proxecto da firma local Caponcito, que pretende construír unha nave de máis de mil metros cadrados
15 dic 2025 . Actualizado á 12:44 h.A Xunta de Galicia dá luz verde á execución dun novo matadoiro de capón con indicación xeográfica protexida (IXP) e pito ecolóxico no polígono de Sete Pontes, situado no municipio de Vilalba. A firma local Caponcito, que é un referente na nena de pitos ecolóxicos, pretende construír unha nova nave industrial que contará con dúas plantas. Unha delas estará dedicada á matanza, cunha superficie de 693 metros cadrados, ademais de albergar a zona de oficinas e sala de formación, de 139 metros cadrados. Existirá ademais outra zona anexa de descarga e lavadoiro de camións, de 310 metros cadrados.
A capacidade produtiva para as novas instalacións será de 400 pitos ecolóxicos por cada hora e unha matanza de 3,9 toneladas por día. En canto a capóns, serán uns 100 por hora e unha máxima diaria de 2,25 toneladas, tendo en conta que a nave funcionará en quendas de 8 horas diarias, sendo 5 as horas útiles de matanza.
A autorización autonómica está supeditada ao cumprimento das condicións incluídas nos documentos emitidos na tramitación do procedemento. Tal e como recolle o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non se prevé un impacto significativo derivado do novo matadoiro, a condición de que se respecte tanto o recolleito no documento ambiental e na restante documentación analizada, como no condicionado que figura na resolución autonómica.
Sen alegacións
A documentación foi presentada pola empresa, que comezou a súa actividade na capital chairega na década dos 90, e sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación respecto diso, sendo consultados un total de nove organismos e entidades interesados.
Así se estableceron os condicionantes que se engaden aos do programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. Neste sentido, acordan que o matadoiro será viable sempre que se cumpran condicionantes en relación con aspectos como protección da atmósfera, poboación e saúde; augas dos cursos fluviais; xestión de residuos; patrimonio natural e medidas de eficiencia enerxética.
O informe de impacto ambiental que foi emitido non exime á empresa promotora da obrigación de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles. A resolución xa foi remitida tamén á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e será anunciada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días. A Dirección Xeral de Gandaría é a encargada de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental.
