Grupo Lence quere duplicar a produción no próximos cinco anos cun investimento de máis de 20 millóns de euros
GANDERÍA

O grupo facturou 260 millóns en 2023, un 24,7% máis que no ano anterior. A súa presidenta, Carmen Lence, recibiu ao alcalde de Lugo este luns e aproveitou para avanzar o plan económico
01 jul 2025 . Actualizado á 12:06 h.A presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, recibiu este luns ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, na sede da compaña no polígono de Ou Ceao. Durante a visita percorreron a planta de produción e mantiveron un encontro privado para intercambiar impresións sobre o sector, pero a presidenta aproveitou tamén para dar unha primeira pincelada do plan económico da compaña co que pretende duplicar no próximos cinco anos a produción. Para facelo, planea un investimento de máis de 20 millóns de euros ata 2027.
Á falta de facerse públicos os resultados consolidados do 2024 —que probablemente se coñecerán ao longo da próxima semana cos detalles do investimento—, no 2023 o grupo facturou 260 millóns de euros, un 24,7% máis que o ano anterior. A presidenta do Grupo Lence lembrou que «a firma foi capaz de dobrar a facturación en cinco anos e a aposta é seguir crecendo e volver dobrar de novo ingresos noutros cinco». Tamén Lence destacou que esta empresa familiar é a única galega entre as tres que máis leite recollen en Galicia e que se atopa situada no ránking das oito primeiras lácteas que operan en España.
Ademais, a presidenta do grupo explicou que «para evitar o despoboamento do rural o mellor é ter empresas que fixen o arraigamento». Ela afirma que son 350 as ganderías familias coas que traballan actualmente, e «algunhas delas levan connosco máis de 40 anos».
O alcalde, que visitou por primeira vez ás instalacións da compaña desde que accedeu ao seu actual cargo, percorreu durante o encontro a planta de produción acompañado dunha comitiva encabeza pola presidenta. E ao finalizar o percorrido, a delegación de Grupo Lence mantivo un encontro privado co rexedor para intercambiar impresións sobre a situación do sector, do rural galego e das sinerxías que empresa e concello poden traballar en favor dos intereses de Lugo.
Fernández destacou este luns o «activismo rural» de Leite Río, e eloxiou a actividade da empresa, con especial referencia á súa cabeza visible, Carmen Lence. Fernández destacou que a presidenta supón un «exemplo de emprendemento» e de aposta por «o talento lucense», lembrando tamén as iniciativas do grupo lácteo por visibilizar o papel da muller rural.
Doutra banda, o alcalde referiuse tamén á aposta de Leite Río pola modernización, que constitúe, na súa opinión, unha mostra de que o sector primario «non está rifado coa innovación, a dixitalización e a competitividade». Pola súa banda, Carmen Lence, que agradeceu o apoio e a visita do rexedor, sinalou a relación entre a empresa e Lugo cidade. «Para nós, Lugo non é só o lugar onde traballamos: é a nosa orixe e a nosa casa», dixo.