Patrocinado porPatrocinado por

Doce lacones e multitude de veciños para a procesión máis antiga de Valga

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VALGA / LA VOZ

GANDERÍA

Só Divina López e Carmen Maneiro mantiveron a tradición de portear as cestas na cabeza nunha edición moi concorrida por caer en domingo

03 feb 2025 . Actualizado á 10:06 h.

Hai xa dous séculos que un párroco do Concello de Valga deu a solución aos veciños para acabar coa peste que estaba a matar aos seus animais. Tiñan que trasladar as imaxes de San Roque e San Antón á parroquia de Vilar, onde se reunirían con San Paio. Posteriormente, coincidindo co día da Candelaria, os tres volverían á igrexa de Santa Comba acompañados das ofrendas dos veciños, que consistían en lacones. O método debeu producir efecto porque, desde entón, esta procesión segue celebrándose e onte viviu unha das súas edicións máis multitudinarias dos últimos anos.

A cita arrincou ben cedo, ás dez da mañá, na igrexa de San Paio en Vilar. Alí o cura Manuel López Castro celebrou unha misa, tras a cal comezou a procesión polas sete parroquias. De alí saíron tamén dez lacones, aos que se lles sumaron dous máis en Vilarello. Un deles ía sobre a cabeza de Divina López, a única muller da localidade capaz de portear sen suxeitala a cesta cun lacón. Ou con dous. «Eu traía dous, pero quitáronme un», conta na parada que realizou a comitiva en Ferreiros, onde xa quedaba moi pouco dos máis de catro quilómetros que compoñen o percorrido desta peculiar procesión. Ela leva máis de trinta anos participando nesta cita e, ao seu case oitenta, é capaz de facer todo o percorrido coa cesta na cabeza. «Si, de momento son capaz», explica mentres repón forzas no improvisado altar montado polos veciños.

Porque niso consiste esta procesión, en levar aos santos e aos lacones polas sete parroquias de Valga, ata chegar á igrexa de Santa Comba. Vanse facendo paradas no camiño, onde se improvisan altares para recibir aos participantes, xunto cunha salva de bombas. Divina confesa que a peza que transporta este ano pesa sobre oito quilos e recoñece que o esforzo nin sequera lle deixa maniotas. Tamén, que o seu é unha arte que non atopa substitución nas novas xeracións. «A xente nova non sabe facelo, que estropea o pelo», explica. Así que, a diferenza de hai dous séculos, cando as mulleres levaban as cestas na cabeza, agora lévanas entre dúas persoas. Hai outra diferenza coas procesións de outrora: «Os lacóns eran de porcos da casa, agora xa case ninguén mata», lamenta Divina.

Ao seu lado, encabezando a procesión vai Carmen Maneiro, a outra veciña que leva a cesta sobre a cabeza. «Levo trinta anos en Valga e trinta anos participando nesta procesión. Levo a cesta na cabeza, pero teño que botarlle a man, que non son capaz a mantela», confesa. E detrás delas van outras doce mulleres que, de dúas en dúas, transportan as cestas. Ata chegar á igrexa, alí sóbenos á cabeza. En total, doce lacones, algúns doados polo Concello e por asociacións, compoñen a ofrenda.

Cando a comitiva chega á igrexa ten lugar outra misa. Ao rematar, procédese á poxa. Din os veciños do lugar que os máis cotizados son os que proceden de porcos de casa. «Xa se sabe cales son e son os que mellores prezos acadan», conta unha das participantes. «Hoxe vai haber prezos altos, que hai moita xente», vaticina outra. E así é. A maioría deles poxouse por entre 60 e 75 euros, aínda que tamén houbo un de oitenta e outros de corenta. En total, recadáronse 740 euros para os santos. Para pedirlles que nunca máis deixen que a peste volva afectar aos animais.