Patrocinado por Patrocinadopor

Investimento millonario nunha granxa de Cerdido que se amplía ao incorporarse os fillos: «Non sei se somos valentes ou tolos»

ANA F. CUBA CERDIDO / LA VOZ

GANDERÍA

La familia Aneiros Martínez, en las instalaciones actuales de la granja, en Cerdido
A familia Aneiros Martínez, nas instalacións actuais da granxa, en Cerdido JOSE PARDO

Alejandro, enxeñeiro agrónomo, e a súa irmá, Nerea, que estuda veterinaria, impulsaron cos seus pais o cambio da explotación do Caxigo, que poderá pasar de 40 vacas en ordeño a 180

11 mares 2024 . Actualizado ás 09:53 h.

De cando en vez, o sector primario depara noticias esperanzadoras. A granxa O Caxigo, situada na Barqueira (Cerdido), no límite co municipio de Moeche , atópase en plena fase de ampliación. A recente incorporación dos fillos dos fundadores augura un futuro para a explotación, máis aló da aínda longa vida laboral que teñen por diante os pais. «Iso esperamos», ri Ana Belén Martínez, de 48 anos, á fronte do negocio familiar xunto ao seu marido, Francisco Javier Aneiros, de 50.

Ela é de Moeche e el, de Cerdido, e xestionan a granxa de leite que puxeron en marcha fai case tres décadas na Rañoa, onde viven. «Meus sogros tiñan catro ou cinco vacas e nós montamos a granxa», explica Ana Belén. Tamén se ocupan doutra «pequena explotación» de gando de carne en Moeche, que xa vén do avó materno desta granxeira, cunhas 90 cabezas. En realidade, a granxa O Caxigo debe o nome a unha leira que a parella comprou hai anos e onde agora decidiron, cos seus fillos, construír para ampliar.

Alejandro Aneiros Martínez, enxeñeiro agrónomo de 28 anos, ten moito que ver neste paso adiante. «Ao acabar de estudar empecei a traballar fóra, como técnico do agro, e agora compaxino iso coa granxa», conta. El e a súa irmá, Nerea, que estuda veterinaria e tamén bota unha man na explotación, incorporáronse recentemente á sociedade familiar. «Todo isto é paralelo ao proxecto de ampliación. Partimos de 40 vacas en ordeño e agora estamos en plena execución das obras dunha nave con capacidade para 180, ese é o obxectivo final», sinala Alejandro.

«O que máis inflúe é a xestión»

Aos dous gústalles o campo: «A min, o que me tira é a explotación de bovino de leite, e a miña irmá, ser veterinaria de animais grandes, non de mascotas». Recoñece que foi el quen persuadiu aos outros tres para dar este salto, «aínda que eles tamén querían, pero alguén ten que tirar do carro». Cada vez hai máis granxas que desaparecen por falta de substitución xeracional. Alejandro sostén que «moitas pechan por cuestión das ideas do pasado. Unha granxa de vacas é unha empresa máis, que se dedica a producir leite e que funciona ben e ten unha rendibilidade. Ten momentos mellores e peores, pero o que máis inflúe é a xestión. Igual que hai moitos bares que pechan e outros que dan cartos, depende da xestión».

Padres e hijos, con las obras de la nueva explotación al fondo, en Moeche
Pais e fillos, coas obras da nova explotación ao fondo, en Moeche JOSE PARDO

O sector, subliña, «evolucionou moito e hai que ir adiante». Nas novas instalacións, O Caxigo disporá dun robot de ordeño e dun sistema de limpeza automatizado. «Todo iso mellora a calidade de vida e do traballo, e tamén o benestar dos animais», defende. «Se meus pais foran seguir dez anos non se meterían, pero mirando algo máis a longo prazo e coa nos implicación, hai que avanzar. Nerea e máis eu podiamos dicir que cando se xubilen pechen, pero non queriamos iso, porque nos criamos na granxa, que está xusto ao pé da casa», razoa.

«Se antes se falaba de miles de euros, agora os investimentos son de máis dun millón. Unha parte importante vén de axudas públicas, pero pode ser un 20 % do total. E para pedir as axudas tes que ter un respaldo económico», apunta. «Se non foran seguir eles non sería viable o investimento —abunda a súa nai—, porque nos retirariamos pagando as cotas. Se fora quedar para os paxaros non tería obxecto facer semellante investimento». «Non sei se somos valentes ou tolos», responde Alejandro ao preguntarlle pola coraxe de emprender.

«Fieis amantes do rural»

A razón última desta iniciativa reside na paixón desta familia polo campo. «Somos fieis amantes do rural, e por iso estamos orgullosos de que se incorporen os fillos, non só pola continuidade da explotación, senón porque a xente nova se quede aquí [...]. Nós tivemos a sorte de que os fillos seguen mantendo os valores do rural que lles inculcamos, e de que lles guste. Se non non os vas obrigar. Transmitímoslles ese amor que sentimos por isto. Moitos gandeiros dinlles aos fillos que se preparen para irse», argumenta Ana Belén.

Úneche á nosa canle de WhatsApp

Esta muller ve dúas grandes vantaxes á vida rural: «Como nai, criei aos meus nenos e leveinos onde quixeron, porque os horarios do meu traballo, máis ou menos, póñoos eu, teño certa flexibilidade. E a calidade de vida que temos... un animal nunca me vai facer dano a propósito, farame dano para defenderse, os animais son seres moi humildes, danche o que reciben, moito cariño... Tes que traballar, coma en todos lados, pero recibes moitas cousas. Teño a miña familia por aquí, podo vela, estar con ela, todo se fai ao aire libre... Hai valores que aínda quedan no rural que nas cidades se están perdendo».

Admite as dificultades da produción láctea: «Sempre nos teñen na corda frouxa, pero así pasa en moitos sectores. Para empezar é dos poucos negocios nos que non marcamos nós os prezos, sempre nolos marcan, pero ten outras vantaxes. Se estás convencida e fas o que che gusta, é o teu medio de vida e hai que loitar coma noutro». Na balanza ve máis proles que contras: «A pandemia case non a notei, facía a mesma vida de sempre, e sobre os servizos, se chamo ao súper tráeme a compra, e se non vou eu buscala, vou ao cine, de festa... O único que che fai falta é ter coche».