Os concellos deberán adherirse de novo ao convenio para a limpeza de franxas no que por primeira vez non está presente a Fegamp
FORESTAL
O acordo, de catro anos, incrementa o número de parroquias priorizadas de 157 a 276 nas que os seus veciños poderán contratar rozas por 420 euros a hectárea
16 dic 2025 . Actualizado á 10:00 h.A Consellería do Medio Rural asinou este luns o novo convenio para a xestión da biomasa nas franxas secundarias das aldeas coa empresa pública Seaga. A conselleira, María José Gómez, destacou a «urxencia» do acordo para poder comezar coas tarefas de prevención de incendios a principios do 2026 no que por primeira vez non estará presente a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Por esa razón, e ao tratarse dun convenio diferente, todos os concellos deberán adherirse de novo ao convenio (ata o de agora participaban 291 municipios). Poderán facelo nos próximos días, cando se publique no Diario Oficial de Galicia un anexo coa solicitude. Ata o de agora, tamén tiñan que ser os municipios os que solicitasen a súa adhesión.
Desde a Fegamp afirman que non se negaron a asinar o convenio para a limpeza das franxas secundarias, senón que rexeitaron a última proposta da Xunta e solicitaron que continuasen as negociacións para chegar a un acordo.
O acordo actual expiraba o 31 de decembro e a Xunta xa levaba meses traballando na elaboración dun novo documento no que se prevían incrementar os fondos e o número de parroquias priorizadas.
E así será. A titular de Medio Rural asinou un convenio durante catro anos (ata o 2029) coa directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, no que se aumentan os fondos para estas tarefas, duplicándose ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe unha partida específica de limpeza de franxas de 10 millóns. O acordo inclúe un reforzo de apoio aos concellos e particulares, en especial aos de menos de 10.000 habitantes, e promove que se realicen execucións subsidiarias en zonas de risco de incendios nas que os titulares non cumpran coas súas obrigacións.
Increméntase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, e onde os particulares poderán seguir contratando a Seaga para rozas por un importe reducido de 420 euros por hectárea. O convenio mantén as 10 hectáreas de execución e os 12 quilómetros de vías municipais que Seaga pode facer nos concellos adheridos que así o soliciten, e sempre que presenten un plan de actuación, como ata o de agora. Ademais, para os de menos de 10.000 habitantes refórzanse os apoios en canto a inspección, notificación, sanción e execucións subsidiarias naquelas zonas que se detecten de alto risco de incendio.
Ademais, o acordo ampliará a subministración de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias as continuas limpezas desas parcelas. A través de Seaga, os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión, modificación ou elaboración do plan municipal de prevención, así como de apoio para realizar as inspeccións, notificacións e preparación dos documentos necesarios para ordenar as execucións subsidiarias e os propios trámites de sancións.
A prevención como tarefa compartida
A conselleira lembrou este luns que o novo convenio é «completamente necesario» para comezar coas tarefas de prevención antes de que chegue o verán do 2026 e aproveitou para animar aos concellos para solicitar a súa adhesión ao acordo.
María José Gómez afirmou que todas estas medidas son «altamente beneficiosas», tanto para as localidades adheridas como para os seus veciños, «xa que a prevención fronte aos lumes é cousa de todos». Nun acto no que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, a conselleira asegurou que a prevención é unha prioridade para a Xunta, un compromiso que, segundo dixo, demóstrase con feitos; por iso aludiu ao incremento do 50% do presuposto, que no 2026 ascende ata os 75 millóns de euros.
Desde Medio Rural explican que levaron a cabo acciones como a limpeza e creación de devasa, pistas forestais, puntos de auga ou as queimas prescritas. Ademais, colaboran coas comunidades de montes e poñen ao dispor dos concellos varios instrumentos en materia preventiva.
Entre as peticións da Fegamp para sumarse ao novo convenio incluíanse ampliar as intervencións en núcleos especialmente ameazados, establecer o prazo de vixencia do acordo en dous anos, incrementar a colaboración autonómica para asumir a ordenación da execución subsidiaria de menos de 10.000 a 15.000 habitantes ou que a Xunta asumise o procedemento sancionador na súa totalidade.
