Pedro Clos, o gandeiro catalán que apostou pola lonxa de Silleda cando ninguén o facía

COTIZACIÓNS

Este profesional xa xubilado, foi o primeiro en adquirir tenreiros na poxa deste mercado e o seu apoio foi esencial no arranque da central, que onte volveu visitar
23 abr 2025 . Actualizado á 13:01 h.A Central Agropecuaria de Galicia Abanca é hoxe un dos principais mercados de gando de España, que ademais vive un momento doce no que os prezos dos animais se incrementan semana tras semana e a afluencia de gando está á alza. Pero hai corenta anos, cando comezou a traballar, a situación era moi diferente. Entón foi un gandeiro catalán, Pedro Clos, o primeiro en apostar por comprar tenreiros na poxa. O seu apoio foi fundamental no arranque e posterior continuidade deste mercado. Por iso este home, xa xubilado, foi recibido onte con todas as honras na visita que fixo á lonxa de Silleda.
Explican os responsables da central que foi a principios dos anos 80 cando se puxo en marcha o sistema de compra de gando por poxa, no que entón se chamaba a Lonxa Agropecuaria de Galicia. Os inicios deste mercado foron duros e, ao principio, ningún operador apostaba pola poxa. Ata que chegou Pedro Clos. Este gandeiro catalán foi o primeiro en empezar a comprar tenreiros que levaba a Cataluña, pois entón aínda non se vendía o vacún maior nesa central. O seu apoio foi esencial nos inicios do mercado e tamén posteriormente, para que a lonxa puidese continuar funcionando.
Clos está xa xubilado, aínda que onte decidiu volver lembrar vellos tempos e visitou a Central Agropecuaria de Galicia para coñecer as instalacións e o seu funcionamento na actualidade. No seu percorrido, o gandeiro estivo acompañado do xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; o xefe do servizo de Gandería en Pontevedra, Víctor Muñoz; e a xefa do servizo de Explotacións Agrarias en Pontevedra, Julia Pérez. Estivo tamén o expresidente da Fundación Semana Verde, José Maril, quen fixo posible esta visita de Pedro Clos, e o actual director da entidade feiral, Ricardo Durán.
Na súa visita, o gandeiro puido comprobar que as cousas cambiaron moito e a central é hoxe un referente no ámbito agropecuario, pois desde o ano 94 conta coa única poxa de vacún informatiza de España, que exclúe ao intermediario, outorga transparencia a un sistema que evita o regateo e optimiza os prezos. A modernización desta lonxa foi unha constante nos últimos anos e desde o 2021 dispón tamén dun sistema para comunicar a través do móbil aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real, co que estes non teñen que acudir ao recinto para aceptar ou rexeitar as poxas. Ademais, tamén dispón dun sistema que permite aos compradores puxar desde o móbil a través dunha aplicación propia.
Novos avances tecnolóxicos
Os avances na dixitalización deste mercado continúan e, actualmente, estase probado xa unha nova aplicación que unifica tanto a realización das poxas por parte dos compradores como a recepción dos resultados e a aceptación ou rexeitamento dos mesmos por parte dos vendedores. Tamén se puxo en marcha un proceso para que a dixitalización das poxas a través do móbil sexa completa, eliminando definitivamente as tiras de papel. A idea é que os compradores sempre poidan ter accesible a súa poxa no móbil, desde onde tamén poderán facer o sumatorio da cantidade de diñeiro que puxaron nesa poxa ou noutras pasadas ou filtrar por criterios para puxar soamente polos animais que lles interesen. Tamén poderán comprobar nesa aplicación todos os datos dos animais, como idade ou se teñen algunha restrición sanitaria.
Nova xornada de prezos marca para os tenreiros
A última sesión da central pechouse cunha nova marca nos prezos medios que acadaron tanto os tervos de recría como os carniceiros. Polos primeiros pagouse unha media de 535 euros, fronte aos 534 de hai dúas semanas. Os segundos superaron os 1.500 euros de media, unha cifra moi superior á rexistrada o pasado 4 de marzo, cando esa media era de 1.455 euros.
Desta forma, subiron os prezos entre os tervos de recría e os carniceiros, pero tamén no vacún maior. A melloría deixouse sentir tamén os animais amparados pola IXP Tenreira Galega Suprema. O porcino e os leitóns, en cambio, mantiveron as cotizacións da semana pasada.