Galicia impulsa os estatutos das mulleres do rural e do mar e crea un Observatorio para reforzar a igualdade

Somos Agro REDACCIÓN

AGRICULTURA

xoan a. soler

A Xunta somete a consulta pública previa tres proxectos pioneiros que buscan visibilizar o papel feminino, eliminar barreiras estruturais e mellorar a calidade de vida das mulleres no rural e no sector marítimo-pesqueiro.

02 sep 2025 . Actualizado a las 11:43 h.

O Consello da Xunta deu hoxe un novo paso no desenvolvemento de medidas lexislativas para promover a igualdade entre mulleres e homes e previr a violencia de xénero. O Goberno galego aprobou os proxectos de acordo de inicio e consulta pública previa dos anteproxectos dos decretos polos que se regulan o Estatuto das mulleres do rural, o Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro e o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar de Galicia.

Estatuto das mulleres do rural

Este estatuto busca garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no medio rural e no sector agrogandeiro. O texto recoñece o papel das mulleres que viven e traballan no rural, visibiliza a súa contribución ao desenvolvemento territorial e garante o acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos. Ademais, contempla medidas para fomentar o emprego, a formación, a conciliación, a saúde laboral, o emprendemento feminino e a participación nos órganos de decisión.

Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro

Galicia converterase na primeira comunidade de España en contar cun marco legal específico para as mulleres vinculadas ao mar. Este estatuto pioneiro pretende eliminar barreiras estruturais, económicas, administrativas e sociais que dificultan a súa participación no sector, ademais de impulsar a incorporación de novas xeracións. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o 40% das persoas vinculadas á cadea mar-industria son mulleres, o que sitúa a Galicia á cabeza do Estado.

Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar

Este novo órgano consultivo terá como función principal analizar, asesorar e facer seguimento das políticas públicas que afecten ás mulleres destes contornos. Entre as súas competencias destacan a detección de necesidades, a formulación de propostas estratéxicas, a promoción de estudos e campañas de sensibilización e a creación de foros de debate. Estará integrado polas consellerías de Medio Rural e do Mar, cunha presidencia rotatoria, e contará con dúas seccións específicas: unha para mulleres do medio rural e outra para mulleres do mar.

Consulta pública

Os textos quedarán sometidos a consulta pública previa entre o 2 e o 17 de setembro, co obxectivo de recoller achegas das entidades interesadas e mellorar a representación, participación e calidade de vida das mulleres. Entre as prioridades están fomentar a súa incorporación aos órganos de dirección, reforzar a visibilidade e o recoñecemento, impulsar o emprego feminino e desenvolver medidas de sensibilización e formación.