A importancia de elixir ben a semente do cereal: ata 1.500 quilos máis nos rendementos

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Álvaro Vaquero

Mabegondo presenta o estudo das novas variedades para que os agricultores seleccionen as que lles resulten máis interesantes

16 jul 2025 . Actualizado á 09:59 h.

Fai case un cuarto de século que o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) pertence ao Grupo para a Avaliación de Novas Variedades de Cultivos Extensivos en España (Genvce), que se dedica á avaliación das novas variedades de cereais de inverno que saen ao mercado. Así, todos os anos os investigadores plantan estas novas sementes en Mabegondo, A Limia ou Pobra do Brollón, dependendo do exercicio, e analizan e avalían cales son as características de cada unha. Agora, quixeron transmitir parte deste coñecemento aos agricultores da Limia, nunha xornada que buscaba tamén impulsar a renovación varietal nesta comarca.

«Desde o 2001 plantamos estas variedades en Mabegondo, en Pobra de Brollón ou na Limia, dependendo do presuposto que tivésemos», explica Luis Urquijo, encargado de dirixir a investigación. En Galicia, os seus traballos céntranse en analizar as novas variedades que aparecen de trigo, de cebada e de centeo, «que supoñen o 95% dos cereais que hai plantados na comunidade». Con este traballo, queren manter informados os agricultores sobre as novidades que as empresas de sementes presentan no mercado. «Ningunhas teñen máis rendemento que outras e outras dan mellor calidade. Aquí en Galicia, o agricultor adoita buscar as que teñen máis rendemento porque o prezo do gran se paga igual independentemente da calidade que teña», asegura.

Durante o pasado ano, os técnicos de Mabegondo testaron un total de 11 variedades de trigo e tres liñas semienanas desenvolvidas no propio centro, todas procedentes dun programa de mellora xenética. Tamén se analizaron catro variedades de centeo híbrido. «Este ano vimos variedades con máis altura, que desenvolven máis vexetación, máis gran e con máis espigas», argumenta Urquijo.

Xornada de difusión

Todos os datos solicitados foron presentados a semana pasada aos agricultores da Limia, nunha xornada onde os asistentes tamén tiveron a oportunidade de observar as diferenzas que existen entre as variedades en cuestións como a sensibilidade ás enfermidades, a altura das plantas, a densidade das espigas ou a maduración do gran. Agora, serán os agricultores os que teñan que elixir as sementes que máis se acheguen ao que eles precisan. Porque pode haber moita diferenza entre elixir unhas ou outras variedades, advirte Urquijo. «Algunhas veces hai bastantes diferenzas de rendementos, de entre 1.500 e 2.000 quilos», explica. Tamén hai que ter en conta que os rendementos varían en función do ano, «pode haber anos que favorezan a todas as variedades de cereais e outros, en cambio, que se desenvolvan mellor as resistentes á seca», engade.

O investigador tamén explica que os agricultores poden elixir variedades que se adapten mellor ás características da zona na que van plantar. Por exemplo, na Limia están a ter moitos problemas nas últimas campañas para poder plantar a tempo. «Están a ter que sementar máis tarde e por iso son mellores as variedades de ciclo curto, que lles permitirán producir gran a tempo e que este non seque», relata. E insiste na importancia do traballo que realizan estes investigadores. «Sempre é importante facer estes ensaios porque as variedades van cambiando e mellorando», explica.

Con esta xornada, a Consellería do Medio Rural buscaba axudar aos agricultores da comarca ourensá a coñecer as novas variedades que se rexistraron recentemente e impulsar a renovación varietal desta comarca, Ademais, os técnicos tamén aproveitaron para recoller a opinión e as suxestións dos agricultores, así como para coñecer as súas preferencias á hora de elixir ás mellores variedades para plantar os seus cultivos.