Galicia augura unha boa colleita de viño a pesar de a chuviosa primavera

Maruxa Alfonso Laya
Maruxa Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

MARTINA MISER

Só no Ribeiro está preocupados polos continuos ataques de mildiu

26 may 2025 . Actualizado á 17:26 h.

Choivas e temporais caracterizaron á actual primavera galega. Dous tipos de inclemencias meteorolóxicas que, a priori, non auguran nada bo para un cultivo como o viñedo, que se atopa nesta época no seu momento máis delicado. Con todo, «a situación non se corresponde nada co que se podería esperar», asegura Diego García, responsable de viticultura na cooperativa Paco & Lola, de Rías Baixas. En xeral, a situación do viñedo nas cinco denominacións de orixe galegas é boa. Só no Ribeiro móstranse preocupados polos ataques de enfermidades como mildiu e black rot.

«Tivemos un inicio de brotación bo de maneira xeral e, agora mesmo, boa parte das parcelas xa iniciaron a floración», explica Alberto Barral, responsable de viticultura en Condes de Albarei, cooperativa de Rías Baixas. Asegura que as choivas e o vento poden causar danos ao viñedo, pero que isto non sucedeu nas parcelas de Rías Baixas. De feito, «a choiva ten a súa parte boa, porque agora temos boas reservas hídricas». Tampouco afectou a saraiba, así que as previsións «son moi boas». Actualmente, o viñedo atópase no mesmo estado que á mesma altura da campaña pasada. «Agora xa é o habitual que a floración teña lugar a mediados ou finais de maio. Hai uns anos iso era ir adiantados», conta.

O que ten claro é que, actualmente, «o estado sanitario dos viñedos en Rías Baixas é moi bo», afirma. A mesma opinión comparten en Paco & Lola. «Somos optimistas en todos os sentidos porque apenas hai incidencias de fungo e a vexetación está a ter un bo desenvolvemento», reitera García.

Esta situación repítese na maioría das outras denominacións de orixe galegas. «Non temos nada de perdas nin de enfermidades e todos os viticultores nos din que as previsións son boas», conta Jorge Mazaira, director técnico de Valdeorras. «Houbo algún dano moi puntual pola pedra e, despois, ataques de mildeu e oídio, pero non excesivos. En xeral, non afectaron demasiado, outra cousa é que agora siga chovendo», engade Antonio Lombardía da Ribeira Sacra. En Monterrei, «auguramos unha boa colleita, aínda que sabemos que quedan moitas noites fóra», asegura o presidente do consello regulador, Manuel Vázquez Losada. Sostén que, a estas alturas, hai que estar moi alerta para previr as enfermidades, pero que por agora estas non están a ter unha especial incidencia. Tamén considera que nesta comarca, o viñedo vai quince días adiantado con respecto ao pasado ano. «Houbo unha brotación máis tardía por causa das choivas, preo se agora ven calor esa diferenza poderase acortar», argumenta.

No Ribeiro, en cambio, é onde máis preocupados están. «A colleita está a ser moi complicada. Hai viticultores que en abril xa deran varios tratamentos e iso non é o normal», explica Luis Vázquez, director técnico do consello regulador. «As condicións climáticas de hai dúas semanas, con precipitacións e temperaturas suaves, favoreceron as enfermidades fúnxicas e esta semana apareceron síntomas en varias parcelas», engade Carlos Alberte, responsable de viticultura na cooperativa Viña Costeira. Tamén nesta comarca a colleita vén algo máis atrasada que a do pasado ano, asegura, aínda que ten claro que esa situación cambiará se aparece tempo seco e soben as temperaturas, tal e como anuncian as previsións.

Vixilancia constante de enfermidades e calor para que acabe a floración

«Esta é a época de mais traballo para os viticultores», asegura Carlos Alberte, do Ribeiro. E é, tamén, a época na que maior vixilancia hai que manter sobre o cultivo. Por agora, só no Ribeiro están preocupados pola incidencia de enfermidades como o mildiu, pero no resto de denominacións son conscientes da necesidade de manter a vixilancia para aplicar os tratamentos a tempo e evitar o desenvolvemento desta praga. Adegueiros e viticultores confían agora en que as condicións meteorolóxicas dean un respiro e, tal e como anuncian as previsións, chegue a calor e o bo tempo para que a floración se complete sen problemas.

«Hai que estar moi atentos porque o mildeu e o black rot están atacando e aquí temos moito viticultor de fin de semana que pode ter perdas», conta Luis Vázquez. Non é esta unha das denominacións de orixe onde máis adoita afectar a enfermidade, pero este ano están a ter unha especial incidencia.

En xeral, o sector confía en que agora cambie o tempo e a choiva e o vento dean unha tregua que permita completar a floración. «Esperamos que haxa dez días de tempo soleado e con vento para que a floración vaia ben, porque o ano pasado fallou moito o cuajado», engade Alberte. «Temos reservas de auga e as previsións meteorolóxicas din que vai haber un par de grados máis e vento do norte. Todo iso pode axudar a axilizar a floración e a evitar posibles contaminacións por fungos», engade Diego García, que se mostra bastante optimista sobre como será a colleita vitícola galega deste ano se o tempo acompaña.

Viticultores do Ribeiro e Ribeira Sacra apúntanse á colleita en verde

Galicia non é allea á crise que vive o viño tinto en todo o mundo. Por iso xa o pasado ano Ribeira Sacra solicitou unha das medidas previstas para facer fronte aos excedente de viño: a destilación de crise. Nesta campaña, esta denominación de orixe decidiu tamén habilitar a colleita en verde, que subvencionará a aqueles viticultores que corten as súas uvas antes do 15 de xullo. Tamén O Ribeiro pediu acollerse a esta mesma iniciativa. A maiores, estas dúas denominacións e Monterrei hanse apuntado tamén á destilación de crise.

Calquera destas dúas medidas busca axudar a regular o mercado do viño para reducir os excedente. Por primeira vez na súa historia, Galicia aplicará este ano a colleita en verde, que paga unha subvención a aqueles viticultores que decidan arrincar as súas uvas antes da vendima. En Ribeira Sacra hase solicitado esta medida para 130 parcelas, explica o seu presidente, Antonio Lombardía. «Son 30 hectáreas e nós esperabamos que houbera sobre cen», engade.

Tamén O Ribeiro pediu acollerse a esta medida, aínda que non se recibiron moitas peticións. Segundo o consello regulador, o problema está en que a convocatoria se fixo desde Bruxelas e incluíronse requisitos como que o cento por cento da leira ten que estar plantada de variedades tintas, «cando en Galicia a maioría das fincas son mixtas», engade Luis Vázquez. Solicitaran poder aplicar esta medida en quince hectáreas, «pero tamén hai moitas pequenas parcelas que non se puideron acoller, porque a extensión mínima tiña que ser de 500 metros», explica.

Doutra banda, estas dúas denominacións, xunto con Monterrei, solicitaron tamén este ano a destilación de crise. Neste caso, son os adegueiros os que reciben unha axuda por destinar parte do seu excedente de viño á destilación para sacar así os excedente do mercado.