Patrocinado por Patrocinadopor

Galicia exportou durante o pasado ano menos viño, pero a mellor prezo

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

Pontevedra, entre as vinte provincias españolas que máis ingresa por estas vendas

16 mares 2020 . Actualizado ás 19:36 h.

As exportacións galegas de viño marchan a bo ritmo. Porque, aínda que durante o pasado ano vendeuse menos cantidade fóra das fronteiras españolas, o valor desas transaccións foi moito maior, rompendo así a tendencia rexistrada en boa parte do resto de comunidades autónomas españolas, onde se exporta máis viño, pero a menor prezo. Estas son só algunhas das conclusións que se poden extraer do informe elaborado polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OEMV), que analizou os datos de exportación do sector por provincias e comunidades autónomas. Outra é que Pontevedra figura entre as vinte provincias española onde o viño ten un mellor prezo medio.

Galicia exportou o pasado ano 20.299.859 litros de viño, o que a sitúa na posición número 13 na lista de comunidades españolas que máis viño exportan, moi afastada das cifras que rexistran outras como Castela-A Mancha, que exportou 1.499 millóns de litros, ou Valencia (274 millóns). O mesmo lugar ocupa se no canto de litros de viño falamos dos millóns de euros que xeran esas transaccións. As vendas de viño no exterior supuxeron nesta comunidade o ingreso de 47.440.418 de euros. Con todo, se falamos dos prezos medios do viño, Galicia sobe ao sétimo lugar e sitúase moi preto da media de Cataluña, Navarra e Madrid, cun prezo medio de 2,34 euros por litro.

ALBERTO LOPEZ

O informe da OEMV conclúe que, durante o pasado ano, España rexistrou unha abundante colleita de viño, o que propiciou un crecemento na cantidade de litros exportados de en torno ao 6 %. Con todo, para poder dar saída a todo ese produto foi preciso baixar os prezos, o que provocou un descenso do valor das vendas do 8,8 %. Galicia é das poucas comunidades autónomas nas que esta tendencia non se cumpre. É certo que as vendas no exterior rexistraron un leve descenso, do 3,2 % concretamente. Pero non sucede o mesmo co valor destas transaccións. A pesar de ter vendido menos viño, o valor económico xerado creceu notablemente, concretamente un 4,1 %. De feito, Galicia é a terceira comunidade autónoma na que máis aumentou o valor das súas exportacións, só precedida por Navarra e Madrid. Isto é así porque a comunidade tamén consegue incrementar o prezo medio do seu litro de viño, que pasa dos 2,17 euros aos 2,34, o que supón un aumento do 7,5 %. Esta situación é debida a que boa parte do viño que exporta a comunidade procede das denominacións de orixe, mentres que o negocio dos graneis é moi inferior.

Análise por provincias

O estudo ofrece tamén datos por provincias, que dan unha idea do potencial do sector vitícola galego no resto da comunidade. Estes datos hai que analizalos tendo en conta que a actividade en Pontevedra e A Coruña está moi ligada á denominación de orixe Rías Baixas, ademais dalgunha IXP que empeza a despuntar. En Ourense, en cambio, sitúanse adegueiros e viticultores do Ribeiro, Valdeorras e Monterrei, ademais dalgúns da Ribeira Sacra, que comparte coa provincia de Lugo. Tendo todo isto en conta non é de estrañar que Pontevedra figure entre as vinte provincias españolas que máis viño exporta en termos de valor, mentres que Ourense ocupa a mesma posición se falamos de litros de viño. Pero é que esta última provincia non vende fose dos mercados nacionais só viño con denominación de orixe, senón que tamén traballa con graneis, de aí tamén que o prezo medio sexa inferior.