O CEI presenta este domingo o seu plató pioneiro no Festival de San Sebastián
21 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Naquel terreo da Coruña onde hai anos fabricaban armas chama a atención un lustroso edificio. O exterior é o de menos porque entrar nel é unha festa para os sentidos. Non só polos seus 2.000 metros senón polo impacto que xera no ollo humano o espazo de 800 metros arroupado por unha inmensa pantalla semicircular. Iso é a grandes trazos o Coruña Estudio Inmersivo, CEI, a gran xoia do audiovisual galego.
Esta pioneira infraestrutura da Cidade das TIC, antes a Fábrica de Armas, preséntase este domingo ante os grandes axentes da industria, coma Netflix, Amazon ou Disney+, no Festival de San Sebastián. «Aquí hai unha parte de pura tecnoloxía, pero este proxecto ten poesía. Foi un desafío que asumimos todos e que demostra que podemos colaborar». Así se expresaba Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual e presidenta de Pedralonga Estudios, no encontro organizado por La Voz de Galicia no CEI. Na cita, catro dos profesionais máis implicados no desenvolvemento desta infraestrutura puxeron en valor algo inédito: a unión de diferentes empresas e administracións para facer realidade este proxecto.
Por unha banda, Pedralonga Estudios é a xestora. Unha joint venture participada por dez produtoras galegas, o Clúster Audiovisual Galego e a Universidade da Coruña. Por outra, os fondos, case nove millóns, cofinanciados entre a Deputación da Coruña e o Goberno central a través do Plan de Recuperación. «Nada pode dar máis satisfacción que estar sentado nunha instalación única en España, que promete cumprir as expectativas dun sector con 707 empresas na provincia que facturan 400 millóns e que xeran miles de empregos», expoñía o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que definía este espazo coma «un soño feito realidade grazas á colaboración de moita xente».

A San Sebastián levan hoxe máis que un espazo. «O audiovisual galego sempre estivo por diante en creatividade, talento e empresas pero, en infraestruturas, iamos por detrás de rexións cun sector moito menos maduro», apuntou Alfonso Blanco, director do Clúster Audiovisual Galego e director xeral de Portocabo.
O CEI pon desde hai só uns meses ao dispor da creación audiovisual de todo o mundo unha instalación pioneira que pode recrear calquera lugar grazas a súa pantalla de 26 metros de ancho por oito de alto, que se sincroniza co movemento das cámaras. «É único. Imos traballar de forma diferente e a isto hai que sumarlle a ubicación na cidade da Coruña, o aeroporto e o AVE preto, e que Galicia é de por si un escenario natural», explicabaTabarés sobre a onda expansiva que vai xerar este plató dotado co último en tecnoloxía virtual ou efectos visuais e ao que se van sumar dous platós físicos de 2.000 e 2.500 metros cadrados o próximo ano. Un complexo que creará emprego e non só en postos estritamente relacionados con producións de series e películas senón, por exemplo, na hostalería ou na loxística.
«A industria galega está moi por encima do que nos debería corresponder por poboación ou tamaño. Galicia ten o potencial de crear contido e iso é o máis grande que se pode ter», engadiu Emma Lustres. Produtora executiva de Vaca Films, subliñou a aposta da Deputación da Coruña para que o audiovisual non quedara atrás. «Aquí poderiamos rodar unha película de ciencia ficción, pero tamén unha serie diaria. Hai un ano non se podía. Temos que movernos para non quedar atrás».

Para o director do Clúster Audiovisual Galego tamén é importante resaltar a versatilidade do plató. Esa na que en só segundos podes pasar dunha paisaxe xeada en Islandia a un paseo polo centro de París. «O tope de gama podería ser producir unha serie como The Mandarolian, que foi feita nunha infraestrutura similar, pero tecnoloxicamente inferior. Aquí podemos recrear o deserto do Gobi, cando antes había que ir rodar alí. O plató fai posibles producións que antes eran imposibles, que xa nin escribías nun guión, pero ten máis usos: videoxogos, publicidade ou fotografía. O nivel de realismo é xigantesco e colle un espectro audiovisual moi grande», dicía Blanco. Ese realismo consegue nun cara a cara enganar ao ollo que fai o posible por adaptarse ao que só se pode ver por cámara. «As produtoras do país van poder botar man da instalación e tamén imos atraer produtoras de fóra e grandes grupos. Imos ver a capacidade disto co paso do tempo», dixo Tabarés, a quen se sumou Lustres, que sitúa o proxecto coma «a aposta de Galicia polo sector».

Para González Formoso é a pista de saída para que «o talento agochado saia á luz», para seguir «potenciando a cultura» e «amosar unha faciana distinta de Galicia no mundo».