Volve «Operación triunfo» con galas máis longas e en directo para Latinoamérica
SOCIEDADE

Prime Vídeo ofrecerá «Conexión OT» de martes a sábado e «A Cara B» os domingos
15 sep 2025 . Actualizado á 08:41 h.A Academia de Operación Triunfo abre as súas portas este luns, ás 22 horas, á edición do 2025, que chega con galas un pouco máis longas para dar espazo aos concursantes e con emisións en directo que por primeira vez chegarán a seis países de Latinoamérica: México, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile e Perú.
Esta noite arrincará a gala 0, na que os 18 aspirantes seleccionados e xa anunciados en días anteriores competirán por conseguir unha das 16 prazas do concurso, amparado de novo pola plataforma Prime Vídeo en colaboración con Gestmusic.
Unha das principais novidades é o fin da posgala para integrar todos os contidos dentro da propia gala e concluír antes da medianoite. Outra será a nova composición do xurado, que integran os cantantes Abraham Mateo e Leire Martínez, o produtor musical Guille Milkyway, líder dA Casa Azul; e Cris Regatero, xornalista musical e locutora.
O equipo de profesores estará liderado por Noemí Galera, directora da Academia. Ao seu lado, Manu Guix asumirá a dirección musical, mentres que Mamen Márquez encargarase da técnica vogal. Na área de danza, Vicky Gómez continuará a cargo da coreografía, Judith Endje ocuparase das clases de baile urbano e o repaso musical correrá a cargo de Pablo Lluch e Vic Mirallas. Esta edición contará tamén coA Dani como novo profesor de interpretación, e co regreso de Andrea Vilallonga en imaxe e comunicación, mentres que Pol Cellas completará o claustro con adestramento físico e ioga.
Dous novos formatos
Entre as novidades máis destacadas atópanse dous novos formatos televisivos que amplían o universo do concurso a cada día da semana. Por unha banda está Conexión OT, un programa diario en directo que se emite de martes a sábado, ás 20 horas, e que estará presentado pola cantante e finalista de OT 2017, a galega Miriam Rodríguez. Os martes mostrarase todo o que sucede na Academia con entrevistas ao expulsado e ao favorito; os mércores será a quenda dos nomeados; os xoves e os sábados terá lugar o pase de micros; e os venres reservaranse para o chat no que os concursantes responderán en directo a preguntas e mensaxes en vídeo dos fans. Nesta ocasión, os pases de micros veranse en Prime Vídeo e non en Youtube, como en anteriores edicións.
Doutra banda, cada domingo ás 20 horas, emitirase A Cara B, un espazo derivado semanal que recompilará os momentos máis divertidos, sorprendentes e curiosos das galas, da Academia e a Canle 24 horas.
Todo isto terá lugar no estudio con 358 metros cadrados de pantallas LED (o maior da historia do programa), 10 cámaras estratexicamente situadas e máis de 750 aparellos de iluminación, 250 máis que na edición anterior.