Volta ao cole baixo o paraugas

Amara Santos REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

CARMELA QUEIJEIRO

O mércores será o día con máis precipitacións da semana, que segundo as predicións remitirían o xoves pola tarde coa entrada dun novo anticiclón

09 sep 2025 . Actualizado á 08:35 h.

O outono comeza a asomarse en Galicia e proba diso é a volta ao cole pasada por auga que se vivirá esta semana. Agardan choivas a partir de hoxe e ata o xoves, sendo o mércores a xornada con máis precipitacións.

Isto é debido, segundo o meteorólogo de Meteogalicia, Carlos Otero, á chegada de sucesivas frontes; por unha banda, a causa do anticiclón, retirado lixeiramente ao oeste dos Azores e, por outro, polas baixas presións que se moven ao norte, á altura das illas británicas.

Segundo as predicións, isto provocará que este martes, a partir do mediodía, as choivas sexan xeneralizadas na comunidade, aínda que máis persistentes na fachada atlántica e ao norte da provincia de Lugo. Segundo detalla Otero, haberá «ballóns puntualmente moderados».

A zonas como Ourense afectarán especialmente mañá as precipitacións, que se prevén máis intensas en horario matinal e deixarán acumulacións importantes en territorios altos. Segundo o experto, o peor día en canto a choivas será o mércores e o tempo suavizarase en Galicia a partir do xoves pola tarde, dado que os modelos preditivos sinalan que o anticiclón regresará á comunidade, esta vez en forma de cuña.

Para final de semana —venres 12 de setembro e sábado 13—, desde Meteogalicia, avanzan que en principio a situación sería estable con predominio do anticiclón, o que implicaría grandes claros e recuperación de temperaturas. Advirten, con todo, que «haberá que revisar as predicións, porque podería haber cambios».

En xeral, a situación atmosférica de cara ao fin de semana centrarase neste paso do ambiente outonal a un período de tempo seco, a partir do xoves pola noite. Sobre se este setembro terá lugar o coñecido como «veranillo de San Miguel» —é dicir, unhas últimas xornadas estivais antes da chegada do frío—, o meteorólogo afirma que se poderían dar xornadas de altas temperaturas, pero tamén outros días con valores baixos para esta época do ano, provocadas pola entrada de aire frío en superficie.

«Estes vaivéns dan lugar a estes momentos de veranillos, etapas que xa fóra dos meses estivais traen aire cálido e temperaturas elevadas», algo que, subliña, adoita ser habitual na etapa de transición entre estacións, na que agora se atopa Galicia.