TVG estreará este verán «Eu sei + ca ti», un concurso diario de cultura xeral

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Fran Nogueira, actor e presentador de «Eu sei + ca ti»
Fran Nogueira, actor e presentador de «Eu sei + ca ti» ANGEL MANSO

Tres equipos competirán entre sí para abrir unha caixa forte con 6.000 euros

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia contará este verán cun novo concurso diario de cultura xeral titulado Eu sei + ca ti e conducido polo actor Fran Nogueira, coñecido polos espectadores por ter participado nalgunhas das series máis populares da canle autonómica. Neste novo concurso, dirixido a todos os públicos e que se estreará próximamente, tres equipos de tres persoas cada un competirán entre si mediante preguntas de cultura xeral, lóxica e enxeño. O obxectivo será lograr abrir unha caixa forte que contén un premio de máis de 6.000 euros. O formato combina emoción, diversión e aprendizaxe e emitirase de domingo a xoves, abrindo o horario do prime time.

Eu sei + ca ti, producido por Voz Audiovisual en colaboración con Mediapro, será unha versión galega dun formato que está en emisión noutras canles autonómicas, onde logra excelentes cifras de audiencia. No caso desta nova adaptación, acomodará gran parte dos seus contidos ás características e a idiosincrasia da cultura galega.

Trátase dun concurso diario cunha duración aproximada de 35 minutos. Emitirase en ciclos de cinco programas consecutivos, nos cales os mesmos equipos compiten entre si. As interrogantes que terán que resolver os participantes incluirán diferentes temáticas, desde cultura xeral a lóxica, historia, ciencia ou cultura popular galega.

A clave da caixa forte

Tres tríos enfróntanse a través de distintas fases mediante preguntas, probas e desafíos de enxeño. O obxectivo é gañar o premio diario de cada programa e, ao final, o premio máximo do concurso. Cada día, o trío de concursantes que acada a maior puntuación e chega á fase final recibe unha recompensa directa de 200 euros. O programa conta, ademais, cun gran bote fixo de máis 6.000 euros agochado nunha caixa forte. Abrila brindará tensión e emoción ao espazo.

Ao remate de cada unha das probas do programa, os equipos desvelan un dos díxitos da clave numérica que abre a caixa, que permanecerá pechada ata que un dos tríos consiga descifrar todo o código secreto.

Nas tres primeiras probas, os equipos tamén irán acumulando puntos. A suma deles será determinante para que un dos tríos poida continuar no programa na semana seguinte xunto a dous novos equipos.

Fran Nogueira: «Ás veces, mesmo me entran ganas de cambiar de papel e poñerme a xogar con eles»

LUCÍA NIETO

Francisco Nogueira (Ferrol, 1989) adoita ocupar as nosas pantallas como actor. O seu percorrido pola TVG comezou no 2018 co xénero policial da serie Serramoura. A súa traxectoria na televisión autonómica inclúe tamén títulos como Néboa, A lei de Santos e Sofía Casanova, a obreira do pensamento. A última ocasión na que a audiencia puido gozar do seu traballo actoral nesta canle foi en Saudade de ti, unha ficción estruturada en catro tempadas, das cales participou en tres. A serie parte dun tráxico accidente de tráfico no que morren dúas persoas.

Este verán, o ferrolán regresa á pequena pantalla, aínda que nun rexistro diferente: como presentador do concurso de cultura xeral Eu sei + ca ti. Non será a primeira vez que experimente un cambio de rol, pois xa compartiu espazo como copresentador con Arturo Fernández tamén na TVG. Porén, será a primeira ocasión na que asuma a condución dun formato en solitario.

—Que poden esperar os espectadores do programa?

—Ledicia, moita ledicia. Trátase dun concurso moi dinámico, cheo de ritmo e sorpresas. Estou convencido de que quen o vexa pasará un bo rato observando como os participantes tentan superar os retos para conseguir abrir a caixa forte.

—A experiencia de poñerse á fronte de «Eu sei + ca ti» foi positiva?

—Si, estupenda. Estou a desfrutar moitísimo e descubrindo un ámbito completamente novo para min. Cada día é unha oportunidade para medrar e saír da zona de confort, e iso é algo que estou valorando moitísimo. Agardo que a audiencia poida percibir esa mesma ilusión cando o vexan desde as súas casas, e que se sintan tan conectados co que estamos a facer como me sinto eu ao vivilo dende dentro.

—Como se preparou para esta nova faceta na televisión?

—Ensaiei moito. Intentei memorizar con precisión a escaleta para ter unha base sólida dende a que poder improvisar con naturalidade. Sabía que, canto máis interiorizado tivese o guión, máis liberdade tería para adaptarme ao que ocorría en tempo real. O meu obxectivo era sentirme cómodo diante das cámaras e aproveitar ao máximo cada xornada de gravación.

—Houbo algún momento especialmente curioso ou divertido durante a rodaxe?

—Uns cantos, tanto por parte miña coma dos participantes. Ao fin e ao cabo, somos humanos e, cando hai tensión, cámaras e ganas de facelo ben, os erros están ahí. Non podo adiantar nada polo momento, hai que respectar o segredo profesional, pero si podo garantir que me trabuquei con frecuencia. O concurso está cheo de escenas para botarse a rir.

—Que tipo de público cree que se identificará máis co formato?

—Penso que todos, non ten idade. É un programa pensado para todos os públicos, para ver en familia, cos amigos ou en parella. Creo que esa é unha das súas grandes virtudes.

—Atreveríase a participar como concursante?

—Sen pensalo! Dame ata certa envexa ver o ben que o pasan os que compiten. A enerxía, a emoción dos retos, as risas… Ás veces, mesmo me entran ganas de cambiar de papel e poñerme a xogar con eles.