Antonio Resines apoia en Santiago a Hugo, un menor que sofre a enfermidade de Dent
SOCIEDADE

O mozo é un dos catro casos desta rara doenza en Galicia
07 jun 2025 . Actualizado á 17:27 h.Hugo, un menor galego afectado pola enfermidade de Dent, recibiu este sábado unha visita moi especial. O actor Antonio Resines desprazouse a Santiago de Compostela para apoiar a investigación da súa rara doenza, producida por unha mutación xenética no cromosoma X que dana moi seriamente o ril.
Desde que Resines coñeceu a historia de Hugo, en plena pandemia, envorcouse e non deixou de estar en contacto cos seus pais para estar ao tanto da súa evolución, a pesar de que el lle resta importancia ao seu apoio. «Tampouco costa tanto; non teño que facer nada, simplemente con que se fale da enfermidade, se conseguimos fondos, vai ser bo. Co pouquiño que fixemos, funciona», sinalou aos xornalistas nunha visita que fixo coincidir con varios compromisos laborais en Vigo e Ferrol.

O actor volveu a Compostela dez anos despois da súa última visita, e explicou que apoia tamén a enfermos doutras doenzas raras porque «lamentablemente», como afectan a pouca xente, non hai fondos para investigar. «Pero todo o mundo ten dereito a ter unha mellor calidade de vida e esta enfermidade é ‘cabrona'», explicou o mítico protagonista dOs Serrano, que se sorprendeu do moito que crecera o pequeno.
Os pais do menor, Fernando e María, explicaron aos medios o proxecto Art for Dent, xurdido no confinamento, pouco despois de recibir o diagnostico, como unha «terapia familiar, artística». Foi durante o peche cando Fernando lle expuxo a Hugo facer unha versión cadros partindo da obra do pintor británico de estilo figurativo Francis Bacon e así naceu unha iniciativa que serve para visibilizar a enfermidade e recadar fondos para investigar.
No 2021, as catro familias galegas con casos de Dent constituíron unha asociación á que se uniu Illan, de Asturias, que tamén estivo onte en Compostela. O pai de Hugo explica que ata que o seu fillo tivo case 7 anos non lograron pór nome á enfermidade que sufría e que afectaba os seus riles. A clave déronlla no laboratorio xenético de Santiago e aí viron «un pouquiño a luz».
Agora, con 12 anos, está máis estabilizado e a enfermidade, que non ten cura, retardouse. Con «moita medicación», logra estar «relativamente ben». Pola súa banda, Illan, afronta a súa vida con sete pastillas ao día e a axuda da hormona do crecemento. Pero logra facer «todo o que se propón».
Un padriño moi especial
Resines recibiu hai anos unha das camisetas coa arte de Hugo que distribuíu a firma galega Rei Zentolo, e non dubidou en porlla e apoiar a súa causa. En agradecemento, este sábado descubriu un retrato de dous metros e medio que lle entregaron na Fundación Eugenio Granell, onde se expón Myselfie, unha emotiva mostra dos cadros realizados polo neno.
O pai de Hugo asegura que o actor foi un dos primeiros en visibilizar a causa e é «como o padriño da iniciativa». Non o coñecían en persoa cando lle enviaron a camiseta, pero desde entón a relación «foi entrañable».
Con todo, a Hugo esta parte máis mediática de Art of Dent non lle «gusta moito», como explica o seu pai. El é «un neno que quere seguir sendo neno», pero entende que esta é «a vía» para intentar conseguir fondos que permitan conseguir a desexada cura.