
O bo tempo chega á comunidade grazas á influencia desta grande extensión de altas presións sobre o océano Atlántico
27 mar 2025 . Actualizado á 05:00 h.Tras un mes de marzo no que a península ibérica non deixou de recibir borrascas, unha detrás doutra, España comezou a ver por fin o sol. Este cambio radical do tempo provocouno unha variación na situación do anticiclón dos Azores sobre o Atlántico. Isto é un gran centro de altas presións que permanece durante todo o ano sobre a metade norte deste océano e do cal depende en gran medida a situación meteorolóxica de Europa.
Galicia, pola súa situación xeográfica no balcón europeo ao Atlántico, é un dos territorios nacionais de cuxo tempo atmosférico depende máis deste grande anticiclón. Aínda que no caso desta semana concreta, está a notarse especialmente no sur do país. Alí dominaron nas últimas semanas os avisos por temporal en terra e mar, activados pola Aemet, sobre todo en Andalucía, mentres que esta fin de semana agardan temperaturas que poderían superar os 25 graos.
O tempo empeorou en España as últimas semanas debido a que borrascas de grande impacto, como Laurence ou Martinho, circularon en latitudes máis baixas do habitual ao chegar a Europa desde o outro lado do Atlántico. Algo que provocou unha gran cantidade de precipitacións no país, que, doutra banda, encheu os encoros nacionais ata niveis que non se rexistraban desde o 2018.
Isto foi provocado, segundo Meteogalicia a un «bloqueo anticiclónico na zona de Groenlandia». Esta é unha situación pola que dominan as altas presións na zona xeográfica da grande illa xeada danesa, o que crea un corredor de borrascas, entre este anticiclón e o dos Azores, que pasa polo sur do continente europeo, é dicir, pola península ibérica ou preto dela. «Fixo que as borrascas baixaran de latitude, incluso bastante máis do habitual. De aí as chuvias tan intensas que houbo en Extremadura, en Andalucía e no sur de Portugal, e que tamén atectaron a Galicia», engadiron desde o servizo de predición.

Estas depresións que entran en Europa desde o Atlántico fano habitualmente polas illas británicas, concretamente, levándoas directamente a Irlanda á súa chegada desde América do Norte. É dicir, que circulan máis ao norte de España. Isto implica que, dependendo da latitude que teña o muro de altas presións do anticiclón dos Azores —que limita polo sur esta canle de baixas presións— as borrascas pasarán máis ou menos preto de territorio nacional. É por iso que Galicia, ao estar no extremo noroeste do país, é unha zona especialmente sensible ás variacións do seu tempo meteorolóxico por cambios neste sistema anticiclónico.
Subida das temperaturas e tempo seco
Con iso, esta semana o anticiclón dos Azores irase penetrando progresivamente cara á latitude de Galicia, polo que agardan temperaturas altas e tempo en xeral seco polo menos ata o vindeiro luns. Desde Meteogalicia prevén temperaturas que superarán os 20 graos no sur da comunidade, e incluso que poderían chegar aos 25° durante a fin de semana. Tamén coas provincias do norte rexistrando valores altos, aínda que máis moderados debido á nebulosidade que deixará a circulación de vento do nordés. Aínda que desde o servizo de predición sinalan que as noites, e sobre todo as madrugadas, serán «máis frías, sobre todo no interior, en torno aos cinco ou dez grados».