O anticiclón dá o paso máis agardado polos galegos

SOCIEDADE

ALBA FURELOS

Esta semana dominará a influencia das altas presións e con temperaturas altas no interior da comunidade

28 may 2024 . Actualizado á 15:07 h.

A previsión meteorolóxica vén esta semana con boas noticias. O anticiclón dos Azores por fin ten previsto dar un paso á fronte. Ata o de agora permaneceu algo lonxe da Península, no medio do Atlántico. Desde esta posición estivo canalizando aire frío desde o extremo norte de Europa e sen ser capaz de evitar que as borrascas afectasen á comunidade.

Con todo, a partir de hoxe irá desprazándose aos poucos cara a norte da Península ao mesmo tempo que a súa presión central tamén aumentará. E aínda que haberá que prestar atención aos matices que trae o vento, a choivas desaparece ata novo aviso. 

Hoxe agarda unha xornada con néboas en comarcas do interior que se irán disipando, dando paso un ceo con algunhas nubes de tipo alto que non impedirán o paso da radiación solar. A circulación do aire será do noroeste e o vento soprará frouxo. Unha combinación que adoita xerar néboas na costa, que é xusto o que anuncia Meteogalicia para esta tarde no litoral norte.

Nesta situación, as temperaturas subirán de xeito moderado no interior. Por exemplo, en Lugo as máxima ascenderán ata os 26 graos e en Ourense ata os 30. Nas Rías Baixas tamén agarda un aumento dos valores diúrnos, aínda que dependerá de se se forman finalmente as brumas, igual que na costa coruñesa.

Mañá agarda unha idéntica situación, con ventos frouxos do noroeste. O día comezará con néboas no interior da provincia lucense e nubes baixas na costa norte. As temperaturas serán máis elevadas canto máis lonxe do mar. Santiago chegará a 25 graos.

O xoves, o sistema de altas presións xa estará situado ao oeste de Irlanda. Regresa o grande ausente durante as últimas semanas: o nordés. Será un día de nubes baixas na metade norte e ceos máis despexados canto máis ao sur. O contraste entre as provincias da Coruña e Lugo respecto ás de Ourense e Pontevedra tamén se percibirá no apartado térmico. En Vigo as máxima subirán ata os 28 graos mentres que na Coruña serán de 17.

Únete á nosa canle de WhatsApp

A fin de semana, o anticiclón terá máis peso e, como consecuencia, tamén se intensificará a súa influencia sobre o noroeste peninsular. O ceo estará practicamente despexado en toda a comunidade, salvo na Mariña, onde se formará a típica nebulosidade de estancamento. As temperaturas ascenderán de xeito xeneralizado, aínda que de forma máis notable na zona das Rías Baixas.