Tras os pasos do «santo defensor»

María Cuadrado Fernández
María Cadrado VIVEIRO / LA VOZ

SOCIEDADE

XAIME RAMALLAL

Entre Mondoñedo e Foz discorre un dos tramos do Camiño Natural de San Rosendo, que segue o trazado de calzadas romanas desde o campamento de Aquis Querquennis, en Bande, ata o Cantábrico

30 sep 2023 . Actualizado ás 23:12 h.

No Centro de Interpretación da basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) exhíbese un gran mural dedicado a San Rosendo, ao que tamén debe o seu nome o Camiño Natural do Interior proxectado hai anos co obxectivo de recuperar 225 quilómetros de vías peonís entre as provincias de Ourense e Lugo. Segue o trazado de distintas calzadas romanas desde o campamento de Aquis Querquennis, en Bande , ata acadar o Cantábrico (Foz), segundo divulga o Goberno central.

A ruta, dedicada «ao que se lle coñece como santo defensor e pacificador de Galicia», divídese en varias etapas. Aínda que xa no 2015 o Ministerio de Agricultura, con fondos europeos, preparaba os estudos para os proxectos dos tramos Portomarín-Lugo e Lugo-Meira, deixando para outra quenda os de Meira-Mondoñedo e Portomarín-Ourense, os traxectos sobre os que máis información divulga o ministerio son os de Porto Quintela-Celanova e Celanova-Ourense, e o que discorre entre Mondoñedo e Foz, xa en terras da Mariña. Nesta ocasión detémonos neste último, duns 32 quilómetros e sinalizado, que conecta a praza da catedral mindoniense co porto focense.

O itinerario comeza en Mondoñedo, ante a catedral axeonllada, e continúa por carreiros de terra e viarias de asfalto, por vales, praderías e aldeas, cruzando pontes e salvando ríos. Axustando o reloxo para unha ruta personalizada, é posible visitar monumentos como o mosteiro de San Salvador ou a basílica de San Martiño.

A obra de Queralt

O traxecto que parte desde a cidade episcopal atravesa parte do concello de Lourenzá, penétrase en Celeiro de Mariñaos (Barreiros) ata chegar a San Martiño de Mondoñedo. Nese punto cobra especial relevancia a figura de San Rosendo, patrón da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, «cuxos designios rexeu como bispo entre os anos 925 e 948».

No centro de interpretación situado xunto á basílica repasar os primeiros tempos da diocese, a basílica perdida do século X e a figura de san Rosendo. No ano 2012 o pintor Juan Queralt Blanch (1937-2014) regresou a San Martiño coa misión de concluír un mural iniciado en 2009 e dedicado ao tamén fundador do mosteiro de Celanova. Xa entón, o creador catalán, que participou activamente durante uns anos na vida cultural da Mariña, definía así a san Rosendo: «Foi o home que mirando ao ceo pensou que se debía mellorar na terra».

Miradoiro

Tras recrearse admirando a basílica e os seus frescos románicos, o camiñante segue ruta e cruza xunto á capela do Bispo Santo, un espléndido miradoiro sobre a desembocadura da ría e sobre boa parte do litoral mariñán. O mar está cada vez máis preto.

Paso a paso acádase a vila focense cruzando a praza dedicada ao mestre e pedagogo Ramón Salgado Toimil e continuando pola rúa Valle-Inclán ata o porto. O tramo conclúe onde empeza outra gran aventura: o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico.