00031688383240609936452

A NASA fotografa un «dónut» na superficie de Marte

Andrés García Iglesias , m.ou. REDACCIÓN

SOCIEDADE

O 22 de xuño o róver Mars Perseverance captou imaxes dunha estraña roca en forma de rosquilla

03 jul 2023 . Actualizado ás 23:03 h.

O Perseverance leva desde febreiro do 2021 explorando o cráter Jezero en busca de vida microbiana mediante a recolección de terra ou rocas. O novo obxecto atopado, unha roca de forma toroide, atópase rodeado doutros similares, o que suxire unha orixe común. A imaxe foi tomada a unha distancia de 100 metros, polo Remote Microscopic Imager, parte do instrumento SuperCam, que permite aos científicos sondar a superficie marciana.

 Este tipo de formacións son correntes en Marte , e son resultado da erosión, igual que na Terra, só que neste caso producida unicamente polo vento ou polas tormentas de po. Algúns expertos coinciden en que estas rocas proveñen de fóra de Marte, posiblemente en forma de meteoritos. Segundo Pascal Le, un dos representantes do instituto do SETI (Procura de Intelixencia Extraterrestre), poderíase tratar dun meteoro.

Marte é un planeta moi próximo ao cinto de asteroides, e os avistamentos e a conservación de meteoritos son moi frecuentes nesta parte do Sistema Solar. O investigador suxire que o seu peculiar forma se pode deber á erosión dos materiais máis débiles ao entrar na atmosfera. Outra posibilidade é que fose guindada desde outro sitio de Marte por un meteorito. 

  

Con todo, Jim Rice, científico investigador da Escola de Exploración Terrestre e Espacial da Universidade Estatal de Arizona, se desliga da teoría do meteorito e afirma que o máis probable é que a roca fose transportada polas inundacións da canle Neretva Vallis, próximo ao lugar do achado. "A razón pola que o digo é porque nesta rexión na que estamos vemos moitas rocas que teñen este tipo de interiores ocos", engade.

 Outra roca podería ter estado incrustada no centro desta "rosquilla" antes de que o tempo a erosionara, deixando unha cavidade. O vento tamén pode agrandar gradualmente as pequenas fosas ou cavidades que xa existían. Tamén é posible que esta roca fose máis débil na súa parte central. O dónut ten 25 cm de ancho pero descoñécense as súas dimensións totais. O Perseverance non se achegou a inspeccionalo por non entrar dentro das súas misións principais, polo que non se coñece a súa composición exacta.

 Rice xa observara a roca o 14 de xuño. Atoparse con formacións rochosas «curiosas» é algo bastante frecuente durante as exploracións. En 2014, o róver Opportunity localizou unha pequena roca branca por fóra e vermella por dentro, á que bautizaron jelly donut ou dónut de gelatina. O Curiosity, outro róver de exploración, tamén detectou varias rocas espaciais en Marte, incluíndo unha metálica á que chamaron Cacao. 

 O Perseverance explora o cráter de 45 quilómetros chamado Jezero, que se atopa no hemisferio norte do planeta e conta cun gran lago e a canle previamente mencionada. Este traballo realízao conxuntamente cun pequeno helicóptero de apoio chamado Ingenuity, que demostrou que é posible a exploración aérea no planeta vermello. A súa misión é atopar novas rutas e obxectivos científicos para o seu compañeiro robótico.