Celia González: «Tras concursar en ''Come a comarca'' vou estudar cociña»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

A concursante asegura que ás veces non se recoñece no programa: «Ao Alcalde tiñao machacado»

13 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Celia González é a concursante con máis carácter de Come a comarca, o concurso de Voz Audiovisual que se emite cada martes á noite na TVG. Pero tamén é máis sensible, que se emociona tanto nas vitorias como nas derrotas do equipo. Fai un balance moi positivo do seu paso polo programa, que lle cambiou a vida.

-Cómo decidiu presentarse ao programa «Come a comarca»?

-Foi a través dunhas amigas. Querían que me presentase, pero eu negábame. Cheguei o lugar da proba e dixen non o fago, pero insistíronme e ao final fíxena. Foi todo froito da casualidade. Eu dicía: Vouno facer, total non me van coller...

-Cal foi o mellor momento do paso polo programa? E o peor?

-Penso que o peor foi o de Ribadavia, estaba fatal, ver as anguías moverse... Foi mortal! Ata me poñía nerviosa o pasado martes vendo o programa. E o mellor foi coñecer a todo o equipo do programa. Cos compañeiros pero tamén co resto que non se ve, todo o mundo sempre encantador, dándoche ánimos.

-Repetiría logo a experiencia.

-Si, eu recoméndollo a todo o mundo. Foi un cúmulo de circunstancias moi boas. É unha experiencia moi bonita, non pensei que fora así.

-Viuse que tiña carácter no programa...

-Si. Eu ía cun pouco de medo, pensaba, vou chocar, porque o meu carácter é así un pouco..., ao primeiro non pero cando xa collo confianza deixome levar. E sendo todos diferentes, canda un dunha zona de Galicia. Aínda que sempre a collín moito co Alcalde, ao primeiro tíñao machucado. Xa me di: «Estou anotando nun caderno todo o que me dis e despois xa veremos o que che fago» (ri). Eu o velo penso: e eu fixen iso. E a miña familia dime como é que digo tantos tacos. Foi aí eu na casa non os digo.

-Tendo experiencia nunha peixería, tocaríalle sempre limpar o peixe...

-Si. O de limpar o peixe tocábame a min sempre, aínda que agora xa non traballo neso.

-Cal é a súa especialidade na cociña?

-As miñas sobriñas din que as sopas. Eu digo que os guisos, gústame moito a cociña tradicional, a da avoa. Máis que facer esferificación e cousas desas.

-E despois de «Come a comarca», cambioulle en algo a vida?

-Pois botei a solicitude para estudar o ciclo superior de cociña. Volvo ao instituto con 43 anos.

Mentres estiven no programa traballaba nunha cociña, e en Come a comarca aprendín moito do xefe de cociña. Fíxome sentir moi ben. Se me collen a ver como me organizo...

-Presentaríase a outro concurso de cociña, a «MasterChef»?

-Xusto aínda mo dixeron onte (ri). Pero, a saber... as miñas arroutadas. Así como Come a comarca, por suposto.

-Houbo algún prato que lle sorprendera especialmente?

-O calleiro para min é algo totalmente atípico, na miña zona énchese con carne e costelas, pero algo doce metelo aí? Non o puiden comer, o que ve o programa ve as miñas caras, e a min todo se me ve na cara.