«Estaba chegando a Basilea cun cliente, decretaron a alarma, e tivemos que volver para Galicia»

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Jesús Sánchez, durante una parada en Cee
Jesús Sánchez, durante unha parada en Cee santi garrido

Jesús Sánchez, de Muxía, é un deses históricos taxistas que van e veñen a Suíza con regularidade. A crise tamén lle afectou, e iso que demanda non lle falta, xa que recibe decenas de chamadas, pero unha persoa soa non cobre os gastos e os requisitos son máis coas fronteiras pechadas

11 jun 2020 . Actualizado ás 12:14 h.

Jesús Sánchez Caamaño, que este ano cumpre 57, é un taxista de Muxía , onde ademais ten a súa parada. E forma parte dese selecto grupo de profesionais que vai e vén entre Galicia (e resto de España) e Suíza ou Liechtenstein, dúas veces ao mes como mínimo, e en determinadas épocas, mesmo catro. Son uns 2.000 quilómetros en cada sentido, e unhas 25 horas ata Vaduz, a capital do Principado, un bo tramo ao leste de Zúric. Ten catro vehículos para adaptarse á demanda, e unha viaxe normal rolda os 200 euros (pouco máis) por traxecto e persoa. Paquetes e mercancía van á parte. Leva nisto 27 anos, tras emigrar inicialmente a Liechtenstein.

A crise de coronavirus tamén pillou no medio da estrada a Jesús e a outros compañeiros. «Eu levo dous meses sen cobrar», resume. Ten material almacenado, pois non só trasladan a persoas, claro, senón tamén obxectos, desde un coche aos mobles dunha casa, e todo o posible. Pero a mobilidade hase posto moi complicada.

En marzo, levaba a Suíza a un muxián cando apareceu o virus. «Estaba chegando a Basilea co cliente, decretaron a alarma, e tivemos que volver para Galicia». Xusto pechaban as fronteiras e esa persoa non levaba con el os papeis do traballo, o que si lle permitiu pasar. De feito, Sánchez pode facelo se transporta material, pero como moitos aveños son domésticos, a maioría dos clientes optan por non encargar nada xa que lles gustaría viaxar tamén, e non poden.

Hai excepcións, como outro cliente que, uns días máis tarde, contratouno porque tiña unha cita médica en Suíza, e pasaron sen problemas. Pero tal e como estaban as cousas, optou por parar un mes enteiro. «Non vía a cousa clara, e decidín esperar en Suíza», engade.

A semana pasada retomou as viaxes, cunha clienta ata Lugo. Regresou a Suíza, e hoxe ten previsto cargar en Liechtenstein, para baixar a España nos próximos días e retomar a rutina habitual, aos poucos, aínda que sabe que non vai ser sinxelo.

«Deberon de chamarme máis de 400 persoas, ata de Dinamarca, e de Alemaña, pero non era sinxelo, coas fronteiras pechadas»

E iso que clientela non lle faltaría. Como non hai avións, non para de recibir chamadas. «Deberon de chamarme máis de 400 persoas, ata de Dinamarca, e de Alemaña, pero non era sinxelo, coas fronteiras pechadas», explica. Non é só o tema das fronteiras, é non poder levar a máis dunha persoa en España (en Suíza, máis), e iso non cobre pórtelos, de aí o parón.

A crise tivo outros efectos negativos en galegos que ían acudir a Suíza para traballar. Non puideron facelo e quedáronse sen ese posto. «Espero que isto volva ao seu axiña, as fronteras abertas e todo coma antes, pero creo que vai tardar. De momento, é un caos. E non hai axudas, ou danchas de 500 euros, unha cantidade que no meu caso non cubre nada». De momento, o día 20 esperas estar en Cee de volta e subir de novo a Suíza xa con máis facilidades.