Mulleres de asociacións de Valdoviño, Cedeira ou Moeche afánanse en coser máscaras

ANA F. CUBA VALDOVIÑO / LA VOZ

SOCIEDADE

CEDIDA

As mostras de solidariedade multiplícanse entre os colectivos veciñais

28 mares 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«Vimos que facían falta, porque había pouco material, e que isto vai en aumento, e decidímonos. Falamos co Concello e puxémonos niso, xa entregamos tres ou catro paquetes de 15 ou 20 e estamos a agardar que veñan recoller outro», contaba esta semana Charo Guerra, presidenta da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, de Valdoviño. Ela e outras socias de Sequeiro, Meirás ou Lago han rebuscado nos caixóns para rescatar retales esquecidos das clases de corte e confección, e puxeron a andar as súas máquinas de coser.

«Todo isto che doe. Ver ás empregadas do supermercado sen máscaras, nais de familia e tan expostas, me sobrecogió», recoñece Charo, que confeccionou varias unidades para estas traballadoras. Eloxia o xesto dun veciño, axente de seguridade privada, que perdeu á súa proxenitora hai uns anos. «Eramos moi amigas e el quixo darme as caixas de costura da súa nai, con gomas, fíos, etcétera, para que as aproveitemos. No seu sector tampouco teñen material de protección», relata.

Plastificadas ou de algodón lavable, a maioría son distribuídas polos concellos

As mulleres do colectivo Os Castros de Sequeiro-San Bartolo tamén se sumaron a esta iniciativa solidaria e xa entregaron ao Concello de Valdoviño a primeira remesa de máscaras. «Xuntos e xuntas conseguirémolo», é o lema que repiten desde este Concello, que agradece toda a axuda e o traballo que realizan os veciños.

Na asociación María del Mar Becerra plastifican as máscaras, mentres que na entidade de amas de casa de Cedeira, que preside Anxos Villar, optaron por facelas de tecidos de algodón, de dobre capa, para poder lavalas. A iniciativa partiu de Natalia do Río, comerciante, e as amas de casa secundárona, igual que o colectivo de patchwork . «O traballo repártese, unhas cortan e outras cosen», explica Anxos. A librería A Paz e unha froitería son os puntos de depósito e recollida, necesarios para que funcione a cadea de produción, evitando os contactos. Cada unha traballa na súa casa.

«A maioría son para as traballadoras do servizo de axuda a domicilio do Concello e tamén para as caixeiras dalgún supermercado. Sabemos que non son máscaras homologadas, pero parece que lles axudan a sentirse máis seguras», engade a presidenta. Para ela e as súas compañeiras trátase dunha forma de colaborar e de manterse «entretidas» nestas semanas de corentena.

Alumnas do curso de costura da Asociación Veciños de Val de Moeche tamén se afanan na confección de máscaras de algodón lavables, «para que o Concello as utilice ou as distribúa onde sexan necesarias».