Manuela Fortes prepárase para coñecer a verdade en «A Estiba»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

TVG emite este domingo, ás 22 horas, un novo capítulo do «thriller» de Voz Audiovisual

24 nov 2019 . Actualizado á 05:00 h.

Esta noite, a partir das 22 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio do thriller A Estiba no que César Longueira terá que defenderse da acusación da policía de Ardora. Despois de moito tempo, a policía de Ardora conseguiu deter ao criminal máis buscado da vila: César Longueira. Pero para a comisaria Manuela Fortes hai algo que non cadra. Todas as probas que recompilaron os efectivos da comisaría apuntan a César como autor da matanza do Delta e da morte de Silvia, pero no interrogatorio, César non só declara a súa inocencia, senón que sinala ao seu irmán Salvador como responsable dunha trama para incriminalo.

Mentres tanto, Cruz segue moi atenta ás manobras de Ramiro e mantén a súa sospeita da implicación do seu compañeiro no caso. Sen embargo, o subinspector non dá sinais de vida e Cruz, contando co parabén de Manuela, fará o imposible por atopalo. Ninguén sospeita que Ramiro está agochado na igrexa de Ardora, onde intenta que Miguel lle devolva o disco duro que agochou no santuario.

Ao mesmo tempo, Antón, o máis pequeno dos Longueira, comeza a ser consciente da delicada situación na que se atopa César e porá en marcha un plan para axudalo. Sen embargo, Estela non permitirá que poña en perigo a súa vida. Antón non dubidará en defender o compromiso coa súa familia, aínda que supoña poñer fin a relación que mantén con Estela.

Alleos ao que acontece na comisaría, Rosalía fai todo o posible por esquecer a Marcos, pero os últimos acontecementos levaron ao alcalde a unha situación límite. Unha vez máis Rosalía estará disposta a axudalo sempre que iso evite que o seu pai chegue a alcalde de Ardora.

Con César acusado de varios crimes e coa carreira política de Marcos arruinada, Emilio Fortes saborea os seus éxitos. A alianza con Salvador Longueira foi todo un acerto e agora só ten que agardar a que apareza a súa oportunidade para liderar a cidade. Pero Mercedes non vai permitir que o seu marido saia vencedor e está disposta a contarlle a Manuela toda a verdade sobre o seu pai, o que terá consecuencias para toda a familia.