«Temos cousas que dicir, igual sorprendémosvos»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

SANDRA ALONSO

A Tribo é un grupo de mozos en risco social que expresaron as súas inquietudes a través de tres curtos

15 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai mellor historia que a que está ben escrita, salpicada de matices que brillan desde o interior desa palabra que non podía estar noutro lugar máis que nese. E ás veces, as palabras non son suficientes. A historia de Gabriela, Siffe, Jota , Ihara e Juanes non está feita de palabras, senón de imaxes. Gabriela, Siffe, Jota , Ihara e Juanes contáronse a si mesmos a través da linguaxe audiovisual.

«Temos cousas que dicir e se dannos a ferramenta, igual sorprendémosvos», di Gabriela. O cine halles servido para contar como son realmente os mozos, máis aló dos tópicos, dos clixés televisivos. Que ocorre cando estas en unha situación de vulnerabilidade social. A través de tres curtos, estes mozos falan da realidade escura escondida tras a idealización das drogas, da criminalización do diferente, como ocorre coas persoas migrantes, ou da invisibilización do abafadora que é a vida cando se teñen 15 anos. «Contan cousas, pero sempre deixan algo atrás».

Siffe, un mozo alto, altísimo, con vaqueiros e un sorriso tímido, pero o don da palabra exacta no momento adecuado, ten 15 anos. Siffe é un dos membros da Tribo que Igaxes e Agareso, en colaboración coa obra social A Caixa, crearon durante este curso. E Siffe tiña a necesidade de contar como é Empezar de cero. A inmigración é un tema «no que sempre miran ao negativo, nunca ao positivo». O cine foi unha catarse para unha situación que sofren moitos amigos: as miradas sospeitosas, as actitudes de rexeitamento, só por ser doutro país.

Juanes, vivaraz, inquedo e sobre todo moi próximo, está atento a calquera detalle. A se a gravadora está funcionado. «Ao ser a primeira vez, costa, pero se lle colles o ritmo gústache». El é un dos protagonistas de Vidas paralelas, a historia de como a droga acaba esnaquizando familias.

A Tribo é un curto documental que nace de algo tan sinxelo como «coller aos mozos e preguntarlles por eles mesmos e que conten como somos, non como nos plasman», explica Gabriela, 16 anos, futura artista. En realidade, xa é artista. Que esta sociedade non fala dos problemas da mocidade cóntao pertrechada detrás das súas lentes escuras.

Á súa dereita está sentado Jota , reflexivo, paciente. Agarda a súa quenda para contar como é iso de pórse de acordo para gravar un curto. «As discusións, sobre todo polo guion, para pór ou quitar cousas». Jota se turnaba cun compañeiro para a cámara. Ihara, de mirada doce e poucas palabras, gústalle estar detrás da cámara porque «estou menos nerviosa». Converteuse nunha experta en raccord. Houbo reto, porque un dos protagonistas tívose que ir a metade de rodaxe «e houbo que cambiar a historia a partir do que tiñamos». Inventáronse que se tiña que ir traballar a Zamora. «Cambiounos todo o curto. Un caos», di Juanes.

Atopou unha vocación no cine? «A medias. É outra forma de plasmar ideas», di Gabriela. «Ao meu gustoume sempre ser actor» e isto foi unha oportunidade para ter entre os seus dedos a maxia do cine. A forza dunha linguaxe tan potente como o audiovisual. «Serviume para liberarme, sentíame con máis confianza», di Jota .