Elon Musk quere conectar o cerebro humano cunha Intelixencia Artificial

Lucía Cancela / M.Ou. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

MIKE BLAKE

O proxecto Neuralink prevé crear sensores que len o cerebro a través de fíos microscópicos

20 jul 2019 . Actualizado ás 15:35 h.

Tras moitos anos sen coñecer apenas nova información sobre Neuralink, o proxecto secreto de Elon Musk, emitiu hai unhas horas unha conferencia na que explicaban os avances que puideron ir conquistando no campo da ciencia, e calquera deles poderían ser dignos de trama para unha película futurista e de ciencia ficción. O obxectivo da compaña é poder conectar «fíos» no cerebro humano que permitan comunicar áreas concretas do mesmo co exterior, para que as persoas con sectores do cerebro danados poidan recuperar capacidades da fala, a escoita ou o movemento.

 

Musk xa comentaba, no 2017, o potencial da intelixencia artificial e a posibilidade de fusionar o home e a máquina. Para el o problema atopábase no «ancho de banda, a velocidade de conexión entre o teu cerebro e a versión dixital de ti mesmo». Cos últimos achados que conseguiu a compaña, este límite parece estar a se disipar: consiste en coser fíos ao longo e ancho da superficie do cerebro que poidan comunicarse co exterior de forma directa. Implantes, sensores e electrodos a tamaño microscópico.

A empresa creou, literalmente, unha tecnoloxía que imita á máquina de coser

Segundo explicou o físico e magnate, as probas realizadas ata agora foron en animais de laboratorio con ata 1.500 electrodos. Para iso empregaron literalmente «unha máquina de coser» que é capaz de implantas seis fíos por minuto (192 electrodos) sen afectar a ningún vaso sanguíneo. Opinan que se podería extrapolar aos humanos, pero aínda non teñen probas que o demostre. Os fíos que Neuralink emprega teñen un tamaño minúsculo en cunato a diámetro e presentan unha extraordinaria flexibilidade que mesmo os fan menos daniños que os transplantes actuais. 

Ao mesmo tempo, esta unión permite manexar máis información (dez veces máis que a tecnoloxía da que se dispón), ao ser unha gran cantidade de fíos e non poucos electrodos ou sensores como os que se empregan agora. A información que poidan recompiar os fíos, enviarase a un aparello situado na cabeza (previsiblemente amais de de o oído), que a almacenará e enviará a un computador ou dispositivo que sexa capaz de analizar os datos e tomar a accións que crea conveniente. Actualmente, procédese por medio dun USB-C, pero prevén facelo cun proceso inalámbrico.

A pesar de que actualmente xa existan métodos que engaden implantes no cerebro e poidan ler a actividade cerebral do ser humano, ningunha das tecnoloxías adáptase á intención que mantén Neuralink: «ler directamente os picos neuronais de forma minimamente invasiva». Un dos riscos que manteñen abertos é que se formen tecidos cicatrizantes ao redor dos implantes, anulando o envío e recibo de sinais.

O primeiro implante en humanos podería chegar no 2020

A empresa agarda poder realizar as primeiras probas con humanos no último trimestre do 2019 e os primeiros implantes no 2020. Para pór en marcha os primeiros experimentos contarán con neurocientíficos na Universidade de Stanford e segundo Elon Musk «ter isto nun paciente humano para finais do próximo ano».

Pese ao optimismo da investigación e avance, aínda teñen moitos obstáculos que superar. En primeiro lugar, aínda non contan co permiso das autoridades estadounidenses competentes que lles permitan facer as probas en persoas; en segundo, mostran unha clara necesidade de recrutamento. É máis, esta última sería a razón pola que a empresa decidiu facer público o descubrimento e futuro obxectivo.

Elon Musk, cofundador de PayPal, Tesla Motors ou SpaceX

O físico, invento e magnate de orixe sudáfricano, Elon Musk, non só está revolucionando a mobilidade eléctrica e a tecnoloxía relativa ao lanzamento de foguetes, senón que se embarca en proxectos como o de Neuralink. Esta compaña busca achegar e introducir a tecnoloxía nos corpos humanos.

Para un futuro moi afastado, afirman que «queren que se poida chegar a aprender un idioma automaticamente como en Matrix », a pesar de que iso sexa aínda algo moi remoto que poida que non vexamos nunca.