Un simulador comproba o resultado dunha operación da vista antes de pasar polo quirófano

R. R. LA VOZ

SOCIEDADE

CSIC

O dispositivo portátil desenvolvido polo CSIC, que está a piques de ser lanzado ao mercado, consiste nun casco visual binocular lixeiro

07 feb 2019 . Actualizado ás 16:43 h.

A cirurxía de cataratas é unha das operacións máis comúns, en especial entre as persoas maiores. A substitución do cristalino por unha lente intraocular é hoxe en día un proceso rápido e indoloro, pero ao paciente pódenlle asaltar as dúbidas e a incerteza. Como quedarei?, verei ben? Estas preguntas terán a partir de agora unha resposta antes da intervención grazas a un simulador portátil que patentou o CSIC e cuxos resultados se presentaron na revista científica Scientific Reports. A nova tecnoloxía, que está a piques de saír ao mercado, consiste nun casco visual binocular lixeiro.

Deste xeito, o paciente que estea a piques de ser operado de cataratas poderá experimentar como vai mellorar a súa visión unha vez que pase polo quirófano. Farano grazas a un simulador portátil que ofrece os efectos dunha lente multifocal intraocular, que permite ver a diferentes distancias, de forma realista antes de ser implantada. Estas lentes multifocales empréganse en operacións de cataratas ou para a corrección da presbicia ou vista cansa. Para iso existen no mercado distintos deseños e elixir entre un ou outro depende da tolerancia e preferencias de cada paciente.

«A posibilidade de que o paciente experimente a visión cunha lente multifocal antes da cirurxía resulta moi atractiva para aliviar a incerteza e poder manexar as súas expectativas», explica a investigadora Susana Marcos, que traballa no Instituto de Óptica do CSIC. O seu equipo no Laboratorio de Óptica Visual e Biofotónica leva anos desenvolvendo tecnoloxías de simulación de visión simultánea co fin de avaliar a calidade visual con novos deseños de lentes multifocales antes de que estas sexan implantadas ou, mesmo, fabricadas. 

O novo simulador pode ser controlado a través dunha aplicación para o móbil ou a tablet. Con este programa é posible non só controlar as lentes do dispositivo, senón tamén levar un rexistro das probas levadas a cabo en cada paciente alá onde estea.