«Alf» regresa ás pantallas terrícolas

l. m. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Warner Bros. prepara unha nova serie sobre o alieníxena do planeta Melmac

13 ago 2018 . Actualizado ás 08:07 h.

Os gatos terrícolas deben pórse a recado para non converterse no bocado gourmet do alieníxena máis peludo da televisión. A produtora Warner Bros. TV acaba de anunciar que está a estudar traer a Alf de novo á Terra desde onde queira que o extraterrestre teña pasado as últimas décadas.

Seguindo coa tendencia nostálxica que recupera de forma constante algunhas das series que foron un éxito nas décadas dos oitenta ou noventa, tamén a comedia Alf busca facerse un oco no superpoblado panorama da ficción actual.

Segundo os primeiros detalles que publicaron algúns medios norteamericanos, este proxecto atópase aínda en fase inicial. Partiría da premisa de que a nova serie traería ao personaxe de Alf de regreso á Terra para vivir, en principio, cunha nova familia que non serían aqueles míticos Tanner que tanto tiveron que sufrir coas peculiares teimas e costumes do entrañable Gordon, auténtico nome da criatura alcumada Alf polo acrónimo en inglés de «forma de vida extraterrestre» (Alien Life Form).

Tom Patchett e Paul Fusco, creadores orixinais de Alf , están involucrados na nova serie, segundo publicou o medio especializado The Hollywood Reporter.

Con catro tempadas e 103 episodios emitidos entre 1986 e 1990, Alf foi un fito da televisión estadounidense e mundial dos anos 80 e viraba en torno á aterraxe fortuíta dunha nave espacial no garaxe dunha familia de clase media, os Tanner. A bordo dela viaxaba un simpático extraterrestre, o último habitante do planeta Melmac, ao que a familia quere protexer das miradas curiosas dos seus veciños para non pór en perigo a súa seguridade. Pero a convivencia con el non será doado, porque Alf, a pesar do seu bo corazón, resulta ser impertinente e contestón, ademais de ter malas formas e un apetito desmesurado polo gato da casa. Os seus oito estómagos necesitaban alimento constante.

O anuncio do regreso de Alf , ou o seu proxecto polo menos, coincide coa onda de recuperacións e actualizacións que os executivos e creadores de televisión nos Estados Unidos puxeron en marcha para intentar apelar á nostalxia do público por algúns dos títulos que triunfaron na televisión hai anos, así como intentar que os vellos produtos atrapen ás novas xeracións. Así, series como Will & Grace e Roseanne fixéronse un oco nas pantallas do século XXI (esta última antes da súa cancelación pola polémica xerada polo seu protagonista).

Tendencia nostálxica

A multiplicación de canles e plataformas tamén fomenta estas resurreccións e viaxes no tempo, como ocorre, por exemplo, con Netflix e as novas adaptacións das mozas Gilmore e Nais forzosas (remake actualizado de Pais forzosos).

Non parece que esta tendencia nostálxica se vaia a deter. Hai uns días o actor Kelsey Grammer anunciou a súa intención de traballar nunha posible continuación de Frasier..

E a próxima tempada televisiva levará ás pantallas dos Estados Unidos as novas versións de títulos que foron icónicos na súa época, como é o caso de Embruxadas, Magnum, Buffy cazavampiros e Roswell.