Caída histórica de Facebook en bolsa pola crise da filtración de datos

r. r. garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

JOSH EDELSON | AFP

A plataforma chegou a perder máis de 100.000 millóns de euros na xornada de onte

27 jul 2018 . Actualizado ás 16:47 h.

A filtración de datos de millóns de usuarios custoulle caro a Facebook . O escándalo ocorrido o pasado mes de marzo provocou unha fuxida importante de usuarios que se deron de baixa, unha fuga que agora se traduciu nun duro pau en bolsa. O maior na historia da compaña tecnolóxica, que se deixou un 20 % da súa cotización no verde, o que nalgún momento do día supuxo unha caída do valor de 120.000 millóns de dólares (102 miles millóns de euros).

A presentación dos resultados financeiros do segundo trimestre decepcionou aos investidores, que empezaron a soltar lastre. E iso a pesar de que os ingresos anuais da rede social aumentaron nun 42 %, acadando uns 13.231 millóns de dólares, que son menos dos 13.300 que marcaban as proxeccións. Tamén preocupa o estancamento no seu crecemento, con 2.230 millóns de usuarios únicos mensuais que significan un incremento de só 1,54 % . Estes clientes son menos dos 2.250 millóns agardados por Wall Street, e o seu crecemento cae por baixo do 3,14 % que se anotaron no primeiro trimestre do ano.

A presentación de resultados era moi importante neste caso para coñecer se a compaña superara ou non o escándalo de Cambridge Analytica, que se traduciu na filtración de datos persoais de millóns de usuarios rexistrados na plataforma.

A crise provocou que os usuarios diarios en Europa diminuísen dos 282 millóns rexistrados en marzo aos 279 millóns de xuño, potencialmente pola entrada en vigor en maio do novo Regulamento Xeral da Protección de Datos (RGPD), que outorga un maior control sobre a información persoal en Internet . No referente a novos usuarios diarios, Facebook sumou 22 millóns, a cifra máis baixa desde que se teñen datos.

Nunha teleconferencia aberta, o xefe financeiro de Facebook, David Wehner, sinalou que a firma prevé que na segunda metade do ano as cifras de ingresos «continúen en desaceleración».

Pola súa banda, o fundador e máximo executivo, Mark Zuckerberg, lembrou que o forte investimento en seguridade, a consecuencia da filtración de información persoal e a difusión de noticias falsas, «impactará significativamente na rendibilidade» e «estamos a empezar a velo neste trimestre».

Na xornada negra vivida onte, o patrimonio do fundador da rede social chegou a derrubarse en 16.000 millóns de dólares.