Os universitarios protestarán ata que inhabiliten a Luciano Méndez

SOCIEDADE

Xoán A. Soler

A USC reforzou este luns a seguridade na facultade na que exerce o profesor

22 oct 2019 . Actualizado ás 21:06 h.

Pasaba do mediodía cando ás portas do reitorado da USC empezaron a levantarse os brazos. Levaban folios coa foto do profesor Luciano Méndez Naya. E con algunhas das frases coas que, nun vídeo publicado nas redes sociais, denigraba durante doce minutos á vítima da Manda e que lle valeu a apertura dun expediente por parte da Universidade de Santiago. Eran ao redor dun centenar. Uns douscentos brazos no alto que esixían a inhabilitación do docente, que este luns se incorporou a clase. Un día normal, salvo por unha excepción. A institución reforzou a seguridade na facultade «para garantir a seguridade de todas e todos».

Na praza do Obradoiro, a intensidade aumentaba a medida que pasaban os minutos. Ao final, os participantes na concentración irromperon no reitorado, subiron as escaleiras ata o despacho do reitor e o salón reitoral, onde unha reunión foi interrompida.

«Outro expediente para que? Para que o suspendan de emprego e soldo durante outros dous meses e siga perpetuando o patriarcado nas aulas? Non. Non imos consentilo». Falaba Miriam Barreiro, que sostiña unha pancarta na que se podía ler «a educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo». Karina Espiñeira, ao seu lado, esixía á USC «que tome medidas e comece un protocolo para a igualdade nas aulas».

A deste luns era a primeira convocatoria. Pero poida que haxa máis. «Queremos a inhabilitación total e agardamos que a USC o faga, porque imos seguir ata que o consigamos». De momento, e á espera de ver como reacciona a universidade, están a recoller firmas pedindo a inhabilitación de Méndez Naya.

Os estudantes accederon ao reitorado, pero o reitor non estaba alí. Ao mesmo tempo que eles berraban, Juan Viaño participaba nun acto a poucos metros, no xardín de Fonseca. «Nós non podemos máis que condenar manifestacións que van en contra da dignidade das persoas e da igualdade de homes e mulleres». Viaño, que dixo comprender aos estudantes, cinguiuse ás explicacións que o pasado venres deu a vicerreitora de Comunicación, Rosa Crujeiras, que anunciou a apertura doutro expediente ao profesor, que fai un par de anos foi sancionado por facer comentarios sexistas sobre o escote dunha alumna. «Temos aberto un expediente que nos permitirá valorar os feitos», lembraba Viaño, que tamén insistiu en que están a traballar con «toda a celeridade posible».

O reitor Viaño reuniuse este luns cunha delegación de estudantes ás que explicou como se están desenvolvendo os acontecementos. Elas pedíronlle que se actúe coa máxima rapidez «para atopar unha solución rápido e poder deixar de dar clase», e ademais aproveitaron para lembrar que «é moi importante que todo este tipo de actitudes se denuncien para que se poidan tomar medidas canto antes» e erradicar este tipo de actitudes das aulas.

Xusto ao mesmo tempo que os estudantes se concentraban en San Xerome, a poucos metros, na sede do Concello, as concelleiras da corporación municipal compostelá daban lectura a unha declaración institucional na que reproban a sentenza do caso da Manda e instan á revisión do Código Penal no que ao suposto de abuso sexual refírese e á consideración xurídica da violencia en casos de agresión sexual e violación. Marta Lois, edila de Igualdade, pediu unha «resposta contundente» da USC co caso de Luciano Méndez.