O auxe das viaxes solidarias

SOCIEDADE

OSWALDO RIVAS | Reuters

Galicia apúntase aos voluntariados de asistencia social, educación, saúde ou comunicación nos que desconectar cooperando

19 jul 2017 . Actualizado ás 17:31 h.

Non hai nada máis satisfactorio que gozar dunha viaxe e, de paso, poder axudar a alguén. A oportunidade de vivir unha experiencia única a través dunhas vacacións solidarias cooperando onde máis se necesita, é unha realidade que xa é tendencia en moitos países. España involúcrase cada vez máis coa causa e, de feito, en Galicia xa se aposta tamén por iniciativas de voluntariado de asistencia social, educación, saúde ou comunicación, con moita presenza en países de África e América Latina.

A paixón pola cooperación e as ONG's provocan que a xente, cada vez con máis fincapé, aposte por este tipo de viaxes para as súas vacacións. O perfil que se busca, normalmente, depende moito da praza que se oferta. É dicir, se se quere ir a un país onde a sanidade é precaria, é probable que se lle de máis importancia a unha solicitude dun médico. Aínda así, este criterio non é excluínte e todo o que queira colaborar, será benvido. Como norma básica, é suficiente con ter 18 anos e, se o país o require, ter un nivel medio de inglés.

Unha das características diferenciadoras destas iniciativas é que se intenta, na medida do posible, adaptarse ás necesidades do viaxeiro. Por iso, existen saídas ao longo de todo oano , adaptándose ás circunstancias do voluntario e do lugar no que se desexa realizar a estancia.

De primeira man

As iniciativas solidarias chegan, tamén, a Galicia. É o caso de Horizon , un proxecto pioneiro da comunidade que xestiona viaxes ás persoas que queiran cooperar e que non teñan atopado a forma nin o tempo para facelo. Desde o traslado do aeroporto ata o aloxamento e as comidas, están incluídos  nos prezos do pack. 

Un viaxeiro e o agora promotor de Horizon -que se presentará o próximo 28 de xullo- Ramón Couto, explica que as iniciativas se realizan ao longo do ano, en función das demandas do voluntario e, ademais, de que existen momentos máis aptos para o desenvolvemento de certas actividades. «En proxectos con determinados animais hai partes do ano onde é mellor visitalos, por exemplo coas tartarugas en Nicaragua ou Costa Rica. Igual que os que realizamos cos nenos, evidentemente, que son cando non teñen colexio».

A pesar de que na actualidade Horizon xa teña organizadas iniciativas de viaxes en máis dunha decena de países -entre eles Costa Rica, Guinea Bissau, Chile, Perú ou Panamá- desde a organización preténdese ampliar o número de lugares aos que poder acceder. Segundo indicou Ramón Couto, «O de Tailandia está case feito. Existe tamén a posibilidade de ampliar a México e a Malaisia », anuncia o seu impulsor.

E é que tres anos -e meses esporádicos- viaxando por todo o mundo non lle chegaron, xa que a súa intención é, por amais de todo, que os proxectos non sexan «unha decepción» e poder garantir que «a experiencia sexa incrible». Por isto, busca sempre coñecer de primeira man antes de pechar calquera tipo de iniciativa. «Xa estiven na práctica totalidade e os que non, visitareinos en setembro», indica.

Co seu espírito viaxeiro aínda presente e «despois de vivir a experiencia, de ter a sorte de traballar con ONG 's, hei visto que podía seguir achegando a outra xente, permitíndolles que puidesen facer o mesmo que eu en curtos períodos de tempo», explica o promotor. Agora, desde unha perspectiva completamente diferente, lánzase á aventura de xestionar un proxecto pioneiro en Galicia que non só permite desconectar en países con culturas tan dispares, senón que ademais dá a oportunidade de sentir na pel unha das accións máis reconfortantes que poida existir: a solidariedade.