Conciencia fronte ao plástico

rita álvarez tudela LONDRES / CORRESPONDENTE

SOCIEDADE

Dúas artistas galegas presentan en Londres documentais para denunciar o exceso de residuos que produce a sociedade

22 novs 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

As artistas galegas María José Arceo e Susana Sanromán están preocupadas polo medio ambiente e, en especial, polo impacto que ten o uso desmesurado de plástico e produtos electrónicos da nosa sociedade. Hoxe presentan en Londres os seus traballos dentro do festival anual Spain Now. Arceo leva un documental froito da súa participación no proxecto eXXpedition con outras 14 mulleres que viaxaron desde Martinica ata Lanzarote. «Trátase de crear conciencia sobre o aumento dos casos de cancro e transmitir a proliferación de restos de plástico na auga», explica.

Sabe ben do que fala: durante as máis tres décadas que leva vivindo en Londres recolle de forma voluntaria restos de plástico nas beiras do Támesis cando baixa a marea. Nunha sesión foi capaz de recoller máis de dez sacos e, ao tiralos nun colector para reciclaxe, un veciño díxolle que, se o enchía, eles non poderían botar as súas bolsas. «Aí deume por traer as bolsas ata a miña casa e comecei a limpar os restos e separalos. Había moitos tampones, bastoncillos, botellas e unha longa lista con moitas sorpresas», explica esta artista nada en Santiago, que pronto atopou nestes restos de plástico inspiración para as súas futuras obras.

Ante a proximidade do Cume do Clima en París, Arceo recoñece que lle gustaría que se chegase a un acordo para prohibir o uso plásticos en cosméticos como xa ocorre en California e que se trate de limitar o seu uso. «Nos supermercados utilízase ata para envolver un pepino e é absolutamente innecesario».

A coruñesa Susana Sanromán presenta unha peza de videoarte do seu proxecto en curso O que deixamos atrás, unha crítica ao consumismo e ao aumento do lixo electrónico. Sanromán lamenta que sexamos tan asiduos á compra de móbiles ou computadores, mesmo cada seis meses, sen chegar a darnos conta do que iso supón para o medio ambiente. «Os políticos deberían explicar os datos con cifras que a poboación entenda e non simplemente con dúas toneladas de dióxido de carbono», di.

De aí nace o seu proxecto, onde non quere culpar do que ocorre á sociedade porque ninguén é consciente. Por iso, as súas fotos están compostas por momias que representan a presenza humana en localizacións onde se pode comprobar de forma literal o impacto no medio ambiente.

Sanromán desprázase á minería de Río Tinto, onde se atopa con «unha paisaxe marciana, estraño e á vez bonito», pero tamén aos invernadoiros abandonados de Canarias e Almería, á vila de Dungeness, e as mansións da familia Bailly en San Pedro de Nos (Oleiros).