«Houbo filtración, houbo filtración, vai tocar Platón»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez LA VOZ / REDACCIÓN

SELECTIVIDADE

Protestas delante del rectorado compostelano
Protestas diante do reitorado compostelán Antonio Hernando

Cúmprense 27 anos das filtracións que obrigaron a repetir a selectividade en Galicia. Toda a comunidade estudantil se puxo en pé de guerra

11 jun 2019 . Actualizado ás 21:35 h.

Os estudantes que se van enfrontar á nova selectividade non habían nin sequera nado cando Galicia se enfrontou ás probas de acceso máis conflitivas. E iso non tiña que ver con que certos textos que os alumnos tiveron que analizar na selectividade dese ano, 1992, molestasen a pais e políticos.

A circunstancia que enervó a toda a comunidade estudantil e converteu esa selectividade nun antes e un despois en Galicia foi que as preguntas dalgúns exercicios xa eran coñecidas en distintos ámbitos académicos antes da realización dos exames. En 1992 o conto que se desataba cada xuño en Galicia, e que aludía a posibles filtracións, deixou de selo. Ese ano, foi certo que alguén sabía que Kant e Descartes ían caer» no exame.

Todo se precipitou o mércores 17 de xuño, horas despois de que os 10.760 alumnos galegos realizasen a última proba dos exames de selectividade. Unha denuncia presentada polo alcalde de Corcubión, José Mouzo Lago -cuxo fillo participaba nas probas-, ese mesmo día no rexistro do reitorado compostelán (quince minutos antes de que se iniciasen os exames), na que citaba en que consistía o exame de inglés, atinaba tamén en que se preguntaría pola Filosofía da Ilustración de Descartes ou pola Metafísica de Kant e avanzaba datos sobre o exercicio de literatura convenceu o reitorado (comisións de Santiago tiñan, ademais, constancia de que en determinados ambientes académicos circulaban fotocopias dalgúns exames) de que a única saída posible era anular as probas de acceso á universidade, fóra das do Bacharelato Experimental, a pesar das obvias molestias que causarían aos alumnos afectados.

Os 97.000 exames realizados en Galicia quedaron nese momento en papel mollado, nunca foron corrixidos. As autoridades académicas advertiron que se vían obrigadas a suspender as probas «en defensa do interese público e dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade», unhas explicacións que non aliviaron aos desesperados alumnos.

A decisión da suspensión tomouna José Antonio Gómez Segura, o que era entón reitor en funcións da Universidade de Santiago e profesor de Mercantil II na facultade de Dereito, xa que Ramón Villares atopábase de viaxe nos Estados Unidos (volveu precipitamente). 

ANTONIO HERNANDEZ

Desde o mesmo momento en que se coñeceu a noticia, a reacción dos estudantes que durante dous días sufriron cos nervios a flor de pel a selectividade non se fixo agardar. O estupor inicial deu paso a unha onda de indignación que se estendeu rapidamente por toda Galicia, con pais e alumnos concentrados fronte ao reitorado de Santiago, con sentadas e mobilizacións en distintas cidades galegas, con reténs de garda cada noite antes as sedes universitarias e cunha chamada masiva ao boicoteo da repetición das probas.

RODRIGO R ARDA

Na comunidade educativa os ánimos non estaban máis acougados. Mentres o reitorado da Coruña mesmo chegou a mostrarse desconforme coa anulación das probas, a Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos pedía que se aplicase a media de BUP e COU para entrar na universidade.

Ao mesmo tempo, as autoridades trataban de depurar responsabilidades. Atopar unha resposta ás preguntas que todos se formulaban: De onde saíron as filtracións?; Quen deu a coñecer as preguntas?

Finalmente, tras dez días de indignación colectiva, e sucesivas chamadas a non presentarse aos exames, os estudantes tiveron que volver repetir os exercicios de filosofía e inglés e a análise de texto.

A advertencia das autoridades académicas de que serían cualificados cun cero aqueles que non acudisen á repetición da selectividade, puido máis que o cansazo, o enfado e a psicose que se desatou entre algúns deles ao temer que, outra vez, puidéronse filtrar as probas. «Houbo filtración, houbo filtración, vai tocar Platón», foi unha das consignas máis coreadas durante ese intenso final de xuño. 

Ás tres e media da tarde do luns 29 de xuño presentáronse á repetición dos exercicios de filosofía, comentario de texto e inglés os algo máis de 10.600 alumnos de COU de toda Galicia matriculados nas probas de acceso. As caricaturas do reitor compostelán, Ramón Villares , pegadas no peito ou ás costas de moitos estudantes, pateaduras nunhas cantas aulas e a presenza de axentes da Policía foron os únicos incidentes rexistrados nesa xornada tras a que, esta vez si, os estudantes puideron celebrar que remataron a selectividade.