O santiagués que dirixe o portal máis lido sobre Eurovisión en España: «Na segunda semifinal houbo asubíos a Israel, pero a televisión censurounos»
VIVIR SANTIAGO

Manu Mahía, detrás de Eurovision-Spain, segue cada detalle sobre o festival. Pensa que a polémica está a desgastar a súa marca e que o malestar pola participación de Yuval Raphael é total entre os artistas. Non cre que se poida repetir algo parecido ao de Islandia en Tel Aviv e tampouco lle augura unha posición prometedora a Melody
16 may 2025 . Actualizado á 19:04 h.Poucas persoas superan os coñecementos de Manu Mahía sobre todo o que rodea ao festival de Eurovisión. O xornalista e produtor santiagués codirige desde hai máis de dez anos o portal Eurovision-Spain, o máis lido en castelán sobre o tema. Estes días cobre o certame, por segunda vez consecutiva, en sala de prensa desde casa. Atento ao detalle, retransmite o ambiente e a crispación que se respira no público e nas delegacións. Se a edición do ano pasado se categorizó como a máis polémica ata a data, a final de mañá supera o listón. Aínda que moitos países pedisen a súa descualificación, é a segundo que se celebra con Israel como participante desde que invadiu a Franxa de Gaza.
Manu Mahía pensa que o conflito está a desgastar a marca de Eurovisión. Hai artistas que xa non se quixeron presentar ás preseleccións e, durante este tempo, parte da comunidade de seguidores foise desconectando progresivamente do certame. «Non queren ser parte dun festival que apoia a Israel de maneira indirecta —permitindo a súa participación— e encuberta, sendo a marca israelí Moroccanoil o seu patrocinador oficial. Desgraciadamente, arredor dunha ducia de artistas confesaron nos últimos meses que tiveron que recibir tratamento psicolóxico polo desagradable que foi convivir o ano pasado coa delegación israelí», detalla Mahía. En Basilea, a tensión dos asistentes tradúcese en bandeiras e en asubíos, aínda que asegura que, se non se escoitaron a través do televisor, é porque foron silenciados.
«Todos os actos de censura que establece a UER para salvagardar a participación de Israel non son ben vistos no círculo eurovisivo. Na segunda semifinal, que foi na que participou, houbo pitidos, pero foron censurados pola televisión. Manipulan coa mesa de son. O que fan é que baixan ao mínimo os micrófonos de ambiente e empregan únicamente a saída do micro do artista, que só retransmite o son que recolle pola parte frontal. É o mesmo que pasou o ano pasado, aínda que daquela se escoitaba algo. Parece que a tecnoloxía deste ano é mais refinada», explica o xornalista, que non dubida en tachar a dinámica de «manipulación».

Respecto ás bandeiras de Palestina, Suíza, o país no que se celebra este ano o festival, si que as permite dentro do estadio. Víronse durante os ensaios e, en menor medida, durante as dúas semifinais. «A imaxe da alfombra de cor turquesa que houbo o domingo —cor elixida por ser o de Moroccanoil, o seu patrocinador israelí— foi curiosa, porque as bandeiras de Palestina rodeaban todo. Estes días algunha saíu en plano, aínda que penso que menos das que podía haber», continúa Manu Mahía. Salvo que exista unha directriz de última hora, tamén estarán permitidas na final. No entanto, non cre que entre os artistas vaian abundar os xestos de apoio ao pobo palestino.
Lembra a edición do ano pasado, cando a representante de Portugal levou as uñas pintadas coas súas cores e formas. Como «castigo», o vídeo da súa actuación non foi subido a Youtube ata que finalizaron as votacións. Tampouco ve probable que se repita a imaxe de Tel Aviv, cando o grupo islandés Hatari conseguiu coar unha bandeira no primeiro plano das votacións. Entre os participantes non distingue ningún perfil con tanto peso político na súa proposta artística.
E que pasará con Melody?
O nome de Melody ha dado que falar durante os últimos días nas comunidades por eurofanes. Parece que a estratexia da andaluza de cantar unha pedazo desa Diva cada vez que ten un micrófono diante fixo o seu efecto. Cando saíu elixida no Benidorm Fest, as casas de apostas situábana nun dos últimos postos da lista. Conforme se foi achegando a data, a artista conseguiu escalar posicións ata establecerse na metade da táboa. Poida que fose pola súa posta en escena perfeccionada ou polo seu carácter simpático e dicharachero. Sen saber desempeñarse en inglés, gañou coa súa graza e espontaneidade aos medios internacionais. No entanto, Manu Mahía é realista. Ve moi difícil que Melody consiga situarse no top 10 e augúralle un posto «14, 16 ou 20».

«A actuación queda solvente, sobre todo no inicio, que é moi interesante a nivel escenográfico. Na segunda parte vaise diluíndo e empeza a ser menos certera. É unha canción que ten o seu punto, pero que non acaba de destacar nun festival coma este», reflexiona o director de Eurovision-Spain. Pensa que este é un ano moi aberto, «non tan potente como outros a nivel musical» pero «memorable a nivel audiovisual», onde destacan os equipos de iluminación e unha realización «limpísima». Se se ten que mollar, queda con tres favoritos e cunha sorpresa. Sinala a Suecia, Finlandia e Suíza como os rivais para bater, pero pon o ollo amais do sorpaso que pode dar Malta.