Así creou Mon Devane nun instituto de Santiago o mural sobre a resistencia contra o «bullying»: «Esa bolboreta branca simbolízao todo»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

A obra, titulada «A bolboreta branca», instalouse o mércores pasado no IES Arcebispo Xelmírez I

06 may 2025 . Actualizado á 14:47 h.

Satisfeito polo resultado e moi comprometido coa temática que se abordou nel. «Cando se trata de temas tan sensibles e delicados, como o bullying, intento que as miñas obras inclúan unha simboloxía forte», explica Mon Devane, o artista (Ourense, 1985) encargado de materializar no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago o mural co que a Xunta quixo conmemorar a celebración, o pasado día 2 de maio, do día internacional contra o acoso escolar.

«O maior hándicap non foi pintalo, algo que me levou dous días, senón a preparación previa. Nun inicio pensárase nun mural no exterior do instituto, pero, ante as inclemencias meteorolóxicas, optouse por un interior. A parede elixida incluía diferentes alturas e texturas. Ao final decantámonos por un gran lenzo de 3 metros de alto por 4 de ancho, coa dificultade de conseguir a tea e poder colocala en vertical no meu estudo, onde o pintei. O pasado mércores xa o trasladamos, a través dun porte especial, ao instituto compostelán nunha semana, de seu, atípica, co apagamento o luns e a falta de clase lectiva o martes. Ese día, o mércores, desde primeira hora, montámolo todo de novo no interior do centro, ancorando seis bastidores. Cando finalizamos, preto das 14.00 horas, os alumnos aínda non saíran de clase. Non puiden ver a súa reacción inicial, pero si a dos profesores que nos axudaron a levantalo...», agradece o artista. «Este é un tema que toca a todos; é moi importante reclamar tolerancia cero co acoso», razoa o artista, aclarando a mensaxe dunha obra na que dúas mans de cor turquesa sosteñen unha bolboreta de papel a partir dunha folla cuadriculada.

Nun vídeo, que publicou nas súas redes sociais nas últimas horas, Mon Devane, compartía o proceso de creación da obra. «A partir dunhas iniciais formas aleatorias, que che dan referencias, medidas, empecei, con spray, a pintar o mural definitivo. Nel, eu non quería trasladar a imaxe típica que pode vir á cabeza ao pensar no acoso, como a cara apagada dun alumno. Buscaba que fose algo conceptual, de simboloxía forte, que incluíse tanto a vulnerabilidade como a fortaleza. Pensei incluso en algo de cerámica ou porcelana, pero finalmente pintei unha bolboreta ao ser este un exemplar que tamén destaca polo seu poder de transformación. A adolescencia é unha etapa de moitos cambios. O usar folla cuadriculada permitíame ademais aludir a esas follas escolares e a esas moitas notas escritas case en post-it durante o instituto», razoa, pensando na súa traxectoria. «Neste caso incluíanse ademais palabras manuscritas tan necesarias como respecto, bravura, empatía, azo, coraxe, amizade ou bravura», detalla sobre o mural titulado A bolboreta branca.

XOAN A. SOLER

«Esa cor implica unha simboloxía de boa sorte, de optimismo, de positividade... Das cousas boas que aínda lles están por vir», engade o artista, pensando nos estudantes. «As mans representarían a esas figuras paternas ou escolares que os apoian, que lles dan soporte, que lles arroupan», prosegue. «Creo que a bolboreta branca simbolízao todo», acentúa.