
A cita celebra este sábado o seu día grande, con actividade sen parar desde as 11 da mañá ata a verbena
02 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.«Aínda que non naceron aquí, xa podemos dicir que son galegos e galegas de corazón». Díxoo Mariña Bouzas, a presidenta da Asociación Cultural Emigrante de Val do Dubra na homenaxe tributada a quen fixo o seu fogar dun municipio que «é e será sempre unha terra de acollida». E o público, emocionado, aplaudiulle a ela e tamén a Rosanna, que chegou de Zúric (Suíza) a Buxán; a Francisco Ardura, que cambiou Andalucía por Arabexo; a Luis Rosa, andaluz de Buxán; á venezolana Isabel, asentada en Bembibre; á francesa de Portomouro, Odile; a Yoana, que foi de Angola a Bembibre, onde tamén recalou o chileno Carlos Carrasco; e a Josefina, que de Países Baixos chegou a Arabexo.
A comitiva realizou unha ofrenda floral na estatua ao emigrante tras escoitar o himno galego. Pola tarde, divertido Jran Prix na Festa do Emigrante, que se abriu o xoves coa Festa dá Cervexa. Hoxe sábado é o día grande, con actividade desde as 11 horas. Torneo de petanca, pasacalles coa charanga A Santa Compaña e ás 13 horas sardiñada popular no Campo dá Feira.
Ás 19 horas, fútbol, co Dubra fronte ao Deportivo da Coruña de División de Honra xuvenil. E desde as 23 horas, verbena con Finisterre, Monoulious DOP e Disco EME Music con Margos Magán.