Jesús Reboredo, novo alcalde de Touro: «O que pactamos sobre a mina por suposto que o imos cumprir»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol ARZÚA / LA VOZ

TOURO

PACO RODRÍGUEZ

O rexedor do PP asegura que anteporá os intereses veciñais aos do partido

23 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Reboredo (Fontes Rosas, Touro, 1954) recuperou para o PP a alcaldía do seu concello natal co apoio dun ex edil do partido que, hai dous anos, lla arrebatou.

—Cando empezou a fraguarse a moción de censura?

—Cando se deu a posibilidade legal de formulala, que foi coa publicación no BOE e entrada en vigor da sentenza do Tribunal Constitucional que modifica a lei electoral. Ao respecto, gustaríame puntualizar unha cuestión de definición ética ou moral. Ás veces, descualifícanse aos concelleiros que apoian unha moción de censura, e penso que non se pode cualificar de tránsfuga a un concelleiro que leva un ano largo fóra do grupo de goberno, como foi o caso. Transfuguismo sería saír hoxe e mañá pactar. Si é certo que, polas circunstancias dos grupos municipais, levabamos máis dun ano coordinando as nosas actuacións polas coincidencias que viñamos tendo nos distintos asuntos que se trataban en pleno; fomos establecendo unha relación persoal de confianza, máis que de coincidencia ideolóxica, e cando xurdiu a posibilidade legal, formulamos a moción de censura. Tamén estivemos sempre pendentes do pacto que tiñan Movemento Veciñal e Partido Galego, cun relevo na alcaldía aos dous anos de mandato que non podían cumprir porque non sumaban os votos necesarios. Era a única opción que contemplabamos como posibilidade de alcanzar o goberno. A sentenza do Constitucional veu despois.

—O pleno de reprobación que promoveron, poñendo no tapete a moción de censura, foi, entón, unha aposta sobre seguro…

—Non. O pleno de reprobación foi o 7 de xullo, pero cando o solicitamos non existía a posibilidade constitucional. A formulación que fixen nese pleno de reprobación ía máis dirixida ao BNG, que tiña coincidido con nós en todas as críticas e denuncias que viñamos facendo da xestión municipal de xeito insistente. Dixen que non tiñan sentido se non dabamos un paso adiante, presentando unha moción de censura e ofrecendo un goberno alternativo. Ese día non coñeciamos a sentencia do Constitucional.

—O cambio de rumbo, ao que obriga o pacto co concelleiro Darío Rey, na actuación do Concello respecto á mina lévao a actuar en contra do seu criterio, ou en contra da postura do seu partido?

—En contra do meu criterio nunca actúo, polo menos conscientemente. Se a postura do PP non fora coincidente coa nosa, se entrara en contradición cos intereses veciñais, e agardamos que non se dea ese suposto, teño claro que primeiro están os veciños. Comentamos coa xente do partido a posibilidade de presentar unha moción de censura, e as esixencias, e non se nos puxo ningunha traba para seguir adiante. O que pactamos con Darío Rey sobre a mina por suposto que o imos cumprir. Quero deixar claro, porque se confunde e ás veces interesadamente, que unha cousa é a problemática relacionada coa antiga mina e coas actividades que se realizan nos seus terreos, que non teñen que ver coa minería, e outra distinta, a que derive do futuro do proxecto que se tramita na Xunta. En canto á primeira, coincidimos absolutamente con Darío Rey, e en canto ao novo proxecto da mina, se consideramos que hai algo, e tamén nas autorizacións que conceda a Xunta, que debe ser corrixido, trataremos de recorrelo, primeiro administrativamente, e, en segunda instancia, no contencioso, se fora necesario. A nosa vontade é que se o proxecto da mina vai adiante sexa con todas as garantías, non a calquera prezo. A nosa postura é clara: por encima de todo, os veciños.

—Houbo algunha reacción do colectivo social que defende a reactivación da mina?

—Hai reticencias. Ao igual que os que están en contra da mina non se acaban de crer este pacto, tamén hai xente do colectivo que está a favor que non acaba de entender a nosa postura. Simplifican ao dicir que hai un cambio de postura no PP, e non o hai en canto ás esixencias ambientais. Se o cumprimento da normativa medioambiental determina que non pode haber mina, é de sentido común que non a haxa. O que inspira este pacto é a defensa dos intereses de Touro, e imos cumprilo fielmente.

«Salvo unha rectificación, non podemos coordinar as nosas políticas co BNG»

O debate da moción de censura terá continuidade en Touro.

—Logo da sintonía na oposición, primeiro, e de ter rexeitado a moción de censura, despois. Que vai pasar agora co BNG?

— Tiña claro que o BNG non nos ía apoiar; o voceiro municipal deixoumo clarísimo. Pero que quede claro tamén que o invitamos a participar, xa non digo apoiando a moción, senón na redacción do programa de goberno, e negouse rotundamente. Pero o que me sorprendeu tremendamente foi o discurso, que nada ten que ver coa relación que viñamos mantendo de respecto, e, incluso, nalgúns temas, de coincidencia. No primeiro pleno ordinario que teñamos, van ter que xustificar, tanto Movemento Veciñal como o BNG, algunhas acusacións que fixeron. Paréceme inconcibible e impresentable que se nos descualifique simplemente por formar parte dunha determinada formación política. Resúltame totalmente inaceptable a postura do BNG, con prexuízos ideolóxicos cara a persoas que somos veciños, que nos coñecemos, que sabemos como actuamos na nosa vida, tanto particular, profesional, como política. Logo da intervención no pleno da moción de censura, non podemos aceptar coordinar as nosas políticas co BNG, salvo que haxa unha rectificación por parte do seu voceiro municipal.

—O rexedor saínte dixo que detrás da moción de censura hai intereses económicos…

—Descualifícase el só. Se un denuncia intereses económicos, ten que dicir cales. Insinuar sen achegar sequera un indicio é propio, non de políticos, senón de trileros. No pacto con Darío Rey non hai ningunha contraprestación, nin sequera política. Ofrecémoslle integrarse no goberno, e só vai a levar a comisión de medio ambiente, e unha serie de actuacións desa área. Non esixiu nada.