«Son nenos que teñen un diagnóstico que non cura a idade»

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

TOQUES

Cedida

Piden ampliar a Atención Temperá en Melide, Arzúa, Toques e Santiso

03 dic 2023 . Actualizado á 05:05 h.

O Servizo de Atención Temperá (SAT) que, en agosto do ano pasado, púxose en marcha para os municipios de Melide, Arzúa, Toques, Santiso e Vilasantar supuxo un antes e un despois para 54 nenas e nenos con necesidades educativas especiais. Tamén para as súas familias. Ata entón, para que os seus fillos tivesen a atención personalizada que reciben, de xeito gratuíto, da terapeuta ocupacional, a psicóloga e a logopeda que atenden o servizo, os proxenitores recorrían a especialistas de pago. E nesa situación volverán verse cando os menores cumpran 6 anos, que é a idade máxima establecida para poder facer uso dun servizo que ofrece a Consellería de Política Social.

A ese departamento autonómico dirixíronse formalmente as familias do SAT de Toques —foi nese concello onde se centralizou o servizo— para trasladar a problemática, e para pedir que se amplíe o rango de idade para a prestación. A demanda é moito máis que unha cuestión económica. «Son nenos cun diagnóstico; a idade non cura os trastornos que dificultan a súa plena autonomía», afirma unha nai para explicar que a medida que cumpren anos, «as necesidades que teñen de apoio son maiores, porque se integran con nenos que non teñen os seus problemas e séntense inferiores». No escrito trasladado á Xunta, as familias inciden no «elevado custo emocional» de ter que prescindir do servizo, «sobre todo para os nenos, que se ven separados do seu entorno para tratar as dificultades que os fan diferentes».

Insisten, así, na importancia de que os menores reciban atención nunha contorna de proximidade, que «axuda para tan particulares e delicadas problemáticas», apuntan en alusión a dificultades na fala, a linguaxe e a audición, a trastornos vinculados coa saúde mental e emocional, e a síndromes que dificultan o pleno desenvolvemento. A única alternativa ao Servizo de Atención Temperá pasa por desprazarse, varias veces por semana, ás cidades para que os menores reciban terapia a través de servizos privados que, ademais, non están ao alcance de todo o mundo polo seu «elevado custo económico». E cumpridos os 6 anos, moitos nenos con necesidades educativas especiais «seguen precisando intervencións, terapias, apoios, e axudas especializadas que ningún colexio, nin ningunha familia poden cubrir por si mesmos», apuntan. E expoñen unha reflexión á hora de reivindicar unha ampliación do límite de idade para recibir o servizo público de atención temperá: «ninguén entendería que un paciente deixase de recibir, por exemplo, unha sesión de quimioterapia ou un tratamento de medicación oral contra as arritmias por cumprir sesenta anos».

As familias do SAT de Toques, cunha campaña en redes para que calquera cidadán en igual situación súmese á causa, sosteñen que a súa demanda non só beneficiaría aos actuais usuarios de Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar. Tras establecer unha rede de contacto con familias con fillos que necesitan atención especializada, «puidemos constatar que a continuidade do servizo máis aló da franxa de 6 anos beneficiaría a moitos nenos da zona que actualmente se desprazan ás cidades para seren atendidos en centros privados».