Eliminar fiestras, a polémica solución de eficiencia enerxética para o colexio de Calo

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

XOAN A. SOLER

A Anpa A Rabadela criticou a medida e presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo mentres a Xunta di que cambiou o proxecto a pedimento do colexio de Teo

02 ago 2025 . Actualizado á 20:06 h.

O colexio de infantil e primaria A Igrexa de Calo (Teo) cumpriu 50 anos en plena reforma para mellorar a eficiencia enerxética e dotalo de nova iluminación, un proxecto moi demandado pola comunidade educativa que tamén reclama, neste caso sen éxito, un ascensor para eliminar barreiras arquitectónicas. A intervención no CEIP de Calo supuxo para a Asociación de nais e pais A Rabadela un xerro de auga fría ao constatar que unha das solucións adoptadas foi tapiar parte das amplas ventás das aulas.

A asociación tivo coñecemento da natureza das obras cando estas xa estaban en plena execución. Varias familias deron a voz de alarma cando acudiron ao centro para presentar distinta documentación e viron que numerosas fiestras dos edificios de tres plantas que conforman este centro educativo estaban tapiadas.

Ao ter coñecemento destes feitos, A Rabadela reclamou información sobre o proxecto, uns datos que, afirma a Anpa, non lles facilitaran anteriormente a pesar de pedilos. Tras analizar a memoria, puideron comprobar como consta expresamente esta supresión de ventás, exposta como unha medida de «optimización de espazos e custos» co argumento de que «o tapiado de fiestras en certas aulas identifícase como unha medida para reducir custos na intervención e mellorar a eficiencia térmica ao diminuír as superficies expostas a perdas de calor».

O colectivo presentou unha queixa na oficina do Valedor do Pobo na que expresa a súa «profunda preocupación e desacordo» con esta solución técnica e afirma que «esta modificación, lonxe de mellorar as condicións do edificio, diminúe de maneira considerable a entrada de luz natural nas aulas, xerando un ambiente máis escuro e menos saudable para o alumnado». «A luz natural é un factor fundamental no benestar físico e emocional do alumnado, así como no rendemento académico. Estudos pedagóxicos e científicos avalan a importancia da iluminación natural nos espazos educativos para fomentar a concentración, reducir a fatiga visual e mellorar o estado de ánimo», engade, ademais de reclamar que a Consellería de Educación reconsidere esta decisión técnica.

A Anpa tamén solicitou apoio ao Concello, o que motivou que a alcaldesa, Lucía Calvo (PP), reclamase información á Consellería de Educación respecto diso. E este departamento autonómico confirmoulle que a decisión de pechar parte das fiestras do colexio expuxéraa o propio centro educativo, xa que esta medida non estaban recollida inicialmente no proxecto.

A este respecto, Educación sinala tamén que, dada a configuración das aulas, estas tiñan demasiada iluminación e pouco espazo para apoiar mobiliario e aveños. E ante a petición recibida, a Consellería confirma que os servizos técnicos da obra analizaron a solicitude, aceptada e incorporada tras verificar que as aulas cumprían coa normativa de iluminación e ventilación. A Xunta tamén afirma que esta mesma solución xa se aplicou no colexio teense da Ramallosa.

As queixas da Asociación de nais e pais A Rabadela e as características do proxecto de reforma do colexio de Calo formaron parte do último debate plenario de Teo, celebrado o pasado mércores. Esta problemática expúxoa o portavoz socialista, Maite Argibay, na quenda de rogos e preguntas, facéndose así eco das demandas das familias. A alcaldesa confirmoulle os seus contactos coa Rabadela e coa Consellería de Educación, informando á edila socialista de que días atrás trasladara á Anpa a resposta que recibiu da Xunta explicando que a anulación de varias fiestras foi solicitada polo centro e que Educación modificou o proxecto para incluír este tapiado. Maite Argibay afirmou que nin a asociación de pais e nais do colexio nin o profesorado que imparte clases nas aulas afectadas apoiaban a medida, que exporía a dirección do citado centro escolar.