Teo aproba o plan urbanístico para desenvolver o polígono comercial da Ramallosa

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

XOÁN A. SOLER

O proxecto prevé a urbanización de 15 hectáreas que inclúen un aparcadoiro de 114 prazas preto do transporte público

31 jul 2025 . Actualizado á 05:05 h.

A corporación de Teo aprobou onte de forma definitiva, cos votos do goberno popular e a abstención dos edís da oposición presentes na sesión (PSOE e BNG), o plan urbanístico que permitirá desenvolver o polígono industrial e comercial da Ramallosa. Este parque ocupará unha superficie de quince hectáreas xunto á AC-841, á altura da Ramallosa na zona lindeira coa parroquia de San Xoán de Recesende. O deseño do polígono, que contará cunha zona de aparcadoiro para 144 vehículos nunha área próxima ás paradas do transporte metropolitano, exponse como un escaparate comercial.

O visto e prace definitivo a este plan parcial, aprobado inicialmente no mes de maio, prodúcese tras superar un período de dous meses de exposición pública no que se presentaron dúas alegacións, estimándose unha delas.

Este polígono comezou a xestarse no 2011, tras a aprobación no ano anterior do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que prevía o seu desenvolvemento. No ano 2022 obtivo o visto e prace da Consellería de Medio Ambiente, que ordenou incluír algunhas modificacións. O proxecto, que obrigará a expropiar 115.309 metros cadrados, busca emendar a falta de chan para a instalación de novas empresas e para a expansión das xa existentes.

O goberno teense, presidido con maioría absoluta por Lucía Calvo (PP), sinalou que coa aprobación deste plan parcial ponse fin a 15 anos de parálises na súa tramitación. Calvo destacou tamén que foi necesario realizar importantes cambios no documento inicial para poder axustarse aos requirimentos da Xunta.

Ademais deste asunto, o pleno elixiu os días festivos para o ano 2026, que manteñen as celebracións de anos anteriores: 11 de novembro pola festividade de San Martiño e o 14 de maio, día da Ascensión.

Os grupos da oposición reclamaron á alcaldesa a convocatoria de xuntas de portavoces para abordar asuntos de interese. A rexedora sinalou que as celebradas eran «improdutivas» e afirmou que cumpre a normativa respecto diso. O portavoz do BNG, Eloi Devesa, acusou á rexedora de «deriva autoritaria», algo que ela negou. Maite Argibay, portavoz socialista, instou o goberno local a cumprir o regulamento orgánico municipal.