Xabier Bernárdez conclúe os traballos de restauración integral do Cruceiro de Reis, en Teo

La Voz SANTIAGO

TEO

O Concello encargou as obras, que incluíron a retirada dun poste da luz das súas inmediacións

04 mar 2025 . Actualizado á 05:05 h.

O conservador e restaurador Xabier Bernárdez concluíu os traballos para a restauración integral do Cruceiro de Reis, situado no campo da festa da parroquia. O taller do técnico, que traballou en varias intervencións na Catedral de Santiago, recibira o encargo do Concello de Teo de efectuar estas tarefas. Consistiron, fundamentalmente, na reconstrución da cimentación e a plataforma; a limpeza en seco da peza e a eliminación de depósitos e briófitas; así como o cambio dos elementos de suxeición para asegurar a estabilidade do cruceiro, coa retirada dos parches de cemento que degradaban o conxunto e a súa substitución por enxertos de perpiaño con pedra semellante á orixinal.

O Concello coidou tamén a contorna desta obra: «Procedeuse a quitar un poste da luz que estaba ao carón do cruceiro e reubicouse nos arredores, eliminando así ese feísmo». Bernárdez interviñera xa na limpeza dun peto de ánimas en Cacheiras, que fora vandalizado con pintura vermella.