Trece concellos da área compostelá tiñan máis veciños en 1900 que agora

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTISO

ÁLVARO BALLESTEROS

Santiago sumaba menos poboación que A Estrada, e Santiso triplicaba o censo actual

10 jun 2019 . Actualizado ás 00:04 h.

Cando a principios do século XX cobraron protagonismo os movementos agrarios en Boimorto, o concello tiña 4.044 habitantes. Hoxe ten a metade. Nesa mesma época, Santiso contaba 4.173 veciños; hoxe non son máis que 1.610. E en Toques habitaban 2.940 fregueses, cando hoxe o padrón non supera os 1.151. Son algúns exemplos de concellos da área de Santiago nos que hai un século había man de obra en abundancia para traballar as leiras e os nenos correteaban polos patios dunhas casas hoxe silenciosas e envellecidas.

Non deixa de ser curioso, porque en 1990 non chegara o bum demográfico a Galicia, por iso a poboación total da comunidade -entón rexión- era de 1,8 millóns de habitantes, mentres que hoxe son 2,7 millóns. E a área de Santiago sumaba hai 119 anos 156.014 veciños, cando agora son 268.542, cun aumento do 42 %.

Pero non foi así en todos os concellos. Mentres que na maioría a poboación aumentou nese tempo e disparouse nas últimas décadas, hai na zona de Santiago trece concellos que tiñan máis habitantes cando morreu Alfredo Brañas (1900) que hoxe en día. Os casos máis rechamantes son os de Santiso, que perdeu un 62 % da poboación; Toques, cun 61 % menos, e Boimorto, que baixou un 50 %. Pero o derrubamento, aínda que en menor medida, produciuse tamén en Touro, O Pino, A Baña, Dodro, Rois, Vedra, Trazo, Tordoia e Frades.

Por esa mesma época, Teo non tiña máis que 7.036 habitantes -hoxe ten 18.525- e Ames, que é hoxe o segundo concello máis poboado da área, con 31.278 empadroados, só rexistraba entón 7.097. Hai máis datos curiosos que son consecuencia dos movementos de poboación, a natalidade ou o abandono do rural. Por exemplo, en 1900, a segunda poboación máis habitada tras Santiago era Santa Comba, con 9.075 veciños; hoxe baixou á sexta posición, superada por concellos como Teo ou Ames, que entón tiñan escaso peso demográfico na comarca. Santiso tiña a mesma poboación que hoxe ten Boqueixón, Padrón estaba máis poboada que Teo e Boimorto sería como é hoxe O Pino.

Crecemento desigual

Esas desigualdades demográficas que hoxe chaman a atención poderían trasladarse a outras comarcas galegas con resultados realmente curiosos. No ano 1900, por exemplo, A Estrada, con 26.838 veciños, tiña máis poboación que Santiago; e Ortigueira, A Fonsagrada e Chantada superaban en habitantes a Ourense e Galicia era a terceira rexión máis poboada de España.

Son datos que recolle o Instituto Nacional de Estatística partindo dos arquivos de entón. O método para elaborar o censo hai máis dun século nada tiña que ver co actual. Contabilizábanse os veciños que durmían no municipio na data na que se facía o estudo.