Iván Mata xa non ten fins de semana libres ata outubro coa súa discoteca móbil

SANTIAGO CIUDAD

O padronés afincado en Santiago relaciona o bum desta animación musical coa desaparición de orquestras despois da pandemia
16 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Esta fin de semana, o da ponte de Santa María e San Roque, é, sen dúbida, «o que concentra máis festas en Galicia». Así o constata Iván Mata, da empresa MG Eventos, que estes días encargarase de animar as festas nas localidades de Iria-Flavia (Padrón) e Piloño (Vila de Cruzamentos). Mata, padronés afincado desde hai anos en Santiago, comezou no mundo da animación hai algúns anos. Agora, cumpridos os 40, bota a vista atrás e lembra os seus inicios, cando con só 17 empezou «picando» nas salas de Pontecesures, que era os sitios de moda da movida daqueles anos, cando tamén se enchían Santa Comba, Ordes e Melide todas as noites dos xoves, venres e sábados. Aínda que a súa formación é de técnico electricista, Iván sempre se inclinou máis polo mundo audiovisual, que lle abriu as portas dos espectáculos musicais para animar veladas en salóns de eventos, pero tamén para pór a música — xunto a videoclips en pantallas led— en «vodas, bautizos e comuñóns, e tamén para levar a música ás festas dos pobos», precisa. Porque a súa discoteca móbil é a alternativa para as comisións de festas «que non poden permitirse pagar os prezos das orquestras», que, de media, poden roldar os 10.000 euros, «falando das máis accesibles». A discoteca móbil tamén se converteu nunha opción «porque o número de orquestras, desas que poden ser máis accesibles, baixou despois da pandemia», asegura. Iván lembra que, cando pararon as verbenas polo covid, «moitos músicos e cantantes tiveron que buscar empregos alternativos, e deixaron as orquestras». Esta circunstancia, unida ás elevadas tarifas das orquestras, «foi unha oportunidade para as discos móbiles. E agora hai máis que antes do 2020». No seu caso, a súa instalación non descansa desde maio. «Desde a primavera e ata outubro, é un non parar. Non teño ningunha fin de semana dispoñible. E ata teño reservas para o ano que vén», apunta. Co seu disco percorre o país, «desde Tui ata Viveiro. Empecei por Santiago e arredores, pero agora vou por toda Galicia». Ademais do menor prezo, Iván defende que o bum das discotecas móbiles tamén ten que ver co seu repertorio: «Nós pomos música moi variada, temos un repertorio infinito e bo son. Cun dúo, que lle sae nuns 3.000 euros, e unha discoteca móbil, por 1.500, unha comisión pode organizar unha festa perfecta». Estas instalacións non sempre foron de uso exterior. Empezaron no interior de salas para eventos familiares ou de empresa. «Hai uns anos demos o salto ao exterior, e agora vívese un bum total». Iria e Piloño agardan esta fin de semana.