A unidade de esclerose múltiple do CHUS diagnostica a uns 30 novos enfermos por ano

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

La sede del Hospital Clínico de Santiago
A sede do Hospital Clínico de Santiago PACO RODRÍGUEZ

Calcúlase que en España padecen esta patoloxía unhas 55.000 persoas, sendo Galicia onde existe unha maior prevalencia, con 4.000 afectados

30 may 2024 . Actualizado á 23:19 h.

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) celebrou onte o Día Internacional da Esclerose Múltiple, enfermidade neurolóxica que afecta maioritariamente a mulleres de entre 20 e 40 anos. Calcúlase que en España padecen esta patoloxía unhas 55.000 persoas, sendo Galicia onde existe unha maior prevalencia, con 4.000. Na área sanitaria de Santiago e Barbanza, a unidade específica diagnostica ao ano a uns 30 novos enfermos, dos que preto do 30% vén doutras áreas para unha segunda opinión ou tratamento.

O pasado ano, no CHUS realizáronse 2.300 consultas e fíxose un seguimento periódico de 1.000 persoas. A unidade compostelá é Centro de Referencia Nacional (CSUR) no tratamento desta patoloxía e recibiu o recoñecemento de excelencia clínica por conseguir durante catro edicións acabar como finalista dos premios nacionais Best in Class (BIC). O equipo posúe tamén o certificado avanzado por parte da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA). Esta distinción recoñece o grao de adecuación dos estándares de traballo establecidos polas diferentes sociedades científicas.

A unidade do CHUS tamén participa na organización de reunións, publicacións e comunicacións en congresos nacionais e internacional, e actualmente forma parte de nove ensaios clínicos internacionais. Dentro do equipo están a realizarse dúas tese doutoral e tres proxectos de investigación relacionados coa esclerose múltiple.