Xoias do ano 1900 saíron do baúl no Día do Traxe Galego

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Unhas catrocentas persoas participaron no desfile matinal no centro histórico, segundo estimou a organización

21 jul 2019 . Actualizado ás 22:43 h.

Pololos, dengues, corpiños, calzas, fajas e monteiras. O Día do Traxe Galego serviu de escusa para desempoar os conxuntos de gala e faena tradicionais, e lucilos pola rúa. Preto de 400 persoas fixeron o propio para participar no desfile desde a Alameda ata San Paio de Antealtares, segundo as estimacións da organización. Tratábase esta de unha edición especial, pois se cumpría o 40.º aniversario da cita impulsada pola Asociación do Traxe Galego. E a súa presidenta, Pilar Astray, celebrou tanto a alta asistencia como a calidade das vestimentas que se sumaron onte á festa do traxe.

«A participación foi impresionante. Había moitísima xente. Estamos moi contentos, porque o número de participantes vai aumentando de ano en ano. E, ademais, a xente estase esmerando moitísimo nas vestimentas e cada vez a calidade é maior», subliñou Astray. Ata tres xeracións, desde nenos de dous anos, aos seus pais e avós, secundaron a cita que puxo a nota de cor polas rúas de Compostela.

No certame de traxes competiron preto dunha ducia de concursantes, un dos cales era un grupo formado por dez persoas. No concurso, que incluía o xa habitual desfile A Quintana, había verdadeiros obxectos de coleccionista, incluídas xoias téxtiles do ano 1900 que foron rescatadas dos baúis para o Día do Traxe Galego. Polo seu valor histórico destacaban catro pezas antigas, de comezos do XX, que formaban parte dun traxe de noiva da época, aínda en bo estado de conservación. «Son pezas sinxelas, pouco ornamentadas, pero con un corte excepcional que senta de marabilla», explicou Pilar Astray.