00031483535214397850940

Achan o «brinde» que faltaba do Banquete de Conxo de 1856

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

Alvarellos Editora

O texto recolle as palabras pronunciadas por Rodríguez Seoane

05 ene 2017 . Actualizado ás 01:29 h.

No medio dun libro, e xunto con outros panfletos, na Biblioteca Nacional de España. Aí estaba a folla volandera que recolle as palabras que pronunciou Luis Rodríguez Seoane no Banquete de Conxo, o domingo 2 de marzo de 1856. El foi un dos organizadores -con Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal- daquela comida histórica na que brindaron xuntos estudantes e obreiros. De Aguirre e Pondal si se conservaban as súas palabras no brinde, pero as de Rodríguez Seoane perdéronse e mesmo se chegou a pensar que non existiran.

Co achado destes versos escritos polo entón estudante de Medicina complétanse os pronunciamientos naquel insólito acto democrático. «É unha restitución de parte da historia de Galicia, porque o Banquete de Conxo tivo un valor histórico moi importante», destaca Xurxo Martínez, un dos filólogos que, con Damián Suárez, está detrás deste descubrimento. Suárez achou unhas fichas na Biblioteca Xeral da Universidade que facían referencia a esta folla, que remitían á Biblioteca Nacional de España. «O texto non estaba catalogado, pero si formaba parte do libro que nós indicabamos», explica Martínez, que contactou con esta entidade. Con este brinde, que concorda coas liñas democráticas de Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, refórzase a tese, asegura Martínez, de que foi un acto organizado, no fundamental, polo Partido Demócrata. Engade que algúns dos versos poderían formar parte da Internacional Socialista.

O brinde de Rodríguez Seoane -que chegou a ser reitor da Universidade de Santiago- está escrito en castelán e estruturado en once cuartetos con versos endecasílabos. «Con este documento temos completa a parte dos discursos político-literarios: Aguirre, Pondal e Rodríguez Seoane», corrobora Xurxo Martínez, quen destaca, ademais, a actualidade dos contidos destes textos.

Agora, tras este achado, Alvarellos Editora prepara unha edición facsimilar do documento histórico que fora impreso no século XIX para ser difundido de man en man pola cidade. Desta forma, coa colaboración do Consorcio de Santiago, incluirá o brinde de Rodríguez Seoane como separata no libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, publicado en decembro e que explora -da man de Henrique Alvarellos, Francisco Singul, Martín Souto e Xurxo Martínez, un dos artífices do achado- a historia e o espazo en que se desenvolveu aquel encontro. Nunha segunda edición da obra será incluído como apéndice especial.