Os concellos do Sar optan por tres modelos distintos para a loita contra incendios

ROIS

Padrón tira do GES con base no municipio, Rois contrata unha brigada propia e Dodro faio cunha empresa
17 jul 2025 . Actualizado á 05:05 h.Padrón, Rois e Dodro repiten medios para loitar contra os incendios forestais, aínda que cada un dos concellos do Sar aposta por un modelo distinto de xestión do servizo. O primeiro deles tira, como cada verán, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), ademais de ter a súa base dúas brigadas da Xunta, polo menos ata finais de mes, segundo informa a concelleira de Medio Ambiente, Ana Castro. O GES de Padrón tamén acode aos avisos por incendios forestais nos outros municipios do seu ámbito de actuación.
Pola súa banda, o Concello de Rois opta por contratar unha brigada contraincendios, ademais de dous condutores para mobilizar a motobomba municipal. En ambos os casos, está co proceso de contratación, en base ao convenio asinado coa Consellería do Medio Rural para a realización de accións de prevención e defensa contra incendios forestais. Así, a brigada estará formada por un xefe; un peón condutor e tres efectivos máis, baixo a modalidade de contrato de duración determinada por circunstancias de produción.
Ademais dos labores de vixilancia e defensa contra os lumes, os efectivos tamén realizarán outras de prevención, como traballos manuais en vías e camiños forestais, áreas de devasas e franxas de xestión de biomasa, mediante rózaa, rareo e eliminación dos restos.
En Dodro, o Concello volve optar por adxudicar a unha empresa a contratación dunha brigada e, a día de hoxe, está a finalizar o proceso, segundo confirma o alcalde Xabier Castro. Ademais, neste municipio, a Comunidade de montes Cruz do Avelán, da parroquia de San Xoán de Laíño, tamén ten unha persoa para vixiar o monte. Trátase da veciña que, o resto do ano, está dedicada a tarefas de limpeza, o que axuda a minimizar o risco de lumes, tal e como destacan desde a entidade comunal.
Medios materiais
Tanto Dodro como Rois se benefician tamén dos medios que achega o GES de Padrón para a loita contra os incendios. Así, o servizo supramunicipal dispón de dous vehículos forestais, un de Intervención Rápida (VIR), que é un todo terreo con depósito de 500 litros de auga e equipamento de extinción e rescate. O segundo vehículo é unha Bomba Forestal Lixeira (BFL), con capacidade de 2.400 litros de auga e material de extinción, que é mobilizada durante 16 horas ao día durante a época de máximo risco polos dous condutores contratados polo Concello de Rois. Ademais, o GES conta co que se denominan dous vehículos de primeira saída: unha Bomba Urbana Lixeira (BUL) con capacidade de 400 litros e equipamento de extinción e rescate e unha Bomba Rural Pesada (BRP) con 3.050 litros de capacidade e material de extinción.
O seu ámbito de actuación abarca, na provincia da Coruña, os municipios de Padrón, Rois e Dodro, que dependen do Distrito Forestal IV, así como parte do de Teo (Distrito Forestal III) e, na de Pontevedra, tamén é mobilizado nos concellos de Valga, Pontecesures e Catoira (Distrito Forestal XIX).
En canto ao persoal, o grupo de emerxencias está formado por 12 profesionais, organizados en catro quendas de tres persoas cada un deles, que atenden as emerxencias as 24 horas do día durante todo o ano.
En materia de incendios forestais, as principais funcións do GES céntranse na protección de núcleos de poboación e zonas habitadas. Esta é a súa área de intervención preferente, pero o servizo pode ser mobilizado para actuar noutros municipios pertencentes aos tres distritos forestais mencionados.
A maiores, realiza tarefas preventivas, como a emisión de informes técnicos sobre o estado e adecuación das parcelas, en base á normativa vixente.