As Carmes: legado vivo dunhas pandeireteiras que fixeron historia

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

ROIS

Carmen Calvo e Carmen Chouza mostran algunhas das fotos antigas que se conservan das Pandeireteiras de Buxán, un grupo senlleiro formado a comezos dos anos 60 ao que elas se uniron en 1970 cando tiñan 30 e 14 anos, respectivamente. Debutaron polas festas do Santiaguiño do Monte de Padrón, unha cita obrigatoria para o conxunto de Buxán e no cal estiveron presentes durante os seus 15 anos en activo.
Carmen Calvo e Carmen Chouza mostran algunhas das fotos antigas que se conservan das Pandeireteiras de Buxán, un grupo senlleiro formado a comezos dos anos 60 ao que elas se uniron en 1970 cando tiñan 30 e 14 anos, respectivamente. Debutaron polas festas do Santiaguiño do Monte de Padrón, unha cita obrigatoria para o conxunto de Buxán e no cal estiveron presentes durante os seus 15 anos en activo. CEDIDA

Estas veciñas de Rois formaron parte do que se considera o primeiro conxunto do seu tipo constituído profesionalmente, desafiando as normas sociais da época

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos dos anos 60 naceu en Rois un conxunto mixto, integrado por dous homes e media ducia de mulleres, destinado a actuar nas festas do Santiaguiño do Monte de Padrón. Encomendóuselle a Francisco Chouza Tobío formar este grupo, chamado Pandeireteiras de Buxán e considerado polos expertos como o primeiro grupo deste tipo constituído profesionalmente, pois comezou a cobrar por tocar e ata acordaron unha determinada estética coa que presentarse diante do público.

Tiñan, tal e como se recolle nun libro cedé publicado pola asociación A Regionalista (Foliada en Rois. Terriña... a nosa), «unha vestimenta “uniformada”, algo certamente novidoso na época [...]. A profesionalidade era tal que, ao igual que outros conxuntos, facían academia para ensaiar e practicar o repertorio, polo xeral sempre na palleira da casa de Paco en Fofe-Picadizo, parroquia de Buxán. Cando menos quedaban unha vez á semana, ensaios que se ían incrementado coa chegada das festas apurando o auxe do momento. Deste xeito é como bota a andar unha idea pioneira no país, a de levar a música máis enxebre e pura a unha festa popular a través dun contrato. A formación ofrece actuacións de canto e pandeireta a cambio das pertinentes prestacións económicas, algo insólito para un conxunto de pandeireteiras, quen non acostumaban tocar máis ca en xuntanzas improvisadas sen retribución ningunha. O trato económico sempre estivera reservado para gaiteiros e músicos que andaban de festa en festa cobrando por facer función».

O seu éxito foi tal que era habitual que os contratasen dun ano para outro, cunha antelación comparable á que manexan hoxe as grandes orquestras da verbena galega, e foi clave o papel que xogaron elas desafiando as normas socias. A maioría eran mulleres casadas que asumían un novo rol fora do fogar, reservado aos homes, como músicos profesionais. Soportaron fortes críticas, pero isto non as detivo, e tras 15 anos de carreira chegarían a ter gran popularidade e recoñecemento social.

Das Pandeireteiras de Buxán quedan hoxe vivas dúas compoñentes, as Carmes, un legado moi vivo, que segue en activo a día de hoxe, contribuíndo a divulgar ese legado popular transmitido oralmente que homenaxea hoxe o Día das Letras Galegas. Elas son Carmen Chouza Pérez (filla do impulsor do conxunto e a máis nova do mesmo) e Carmen Calvo Calvo, unha muller curtida nas foliadas de antano á que ficharon para cubrir a baixa das integrantes de maior idade. Aos seus 69 e 85 anos, respectivamente, as veciñas de Picadizo e Peracova recibirán unha nova homenaxe en Buxán —como non— o día 31.