O GES de Padrón e os bombeiros de Boiro e Ribeira foron mobilizados por un incendio no Pazo do Faramello, en Rois

ROIS

O aviso produciuse ás seis da madrugada e o lume afectou por completo a unha dos cuartos
25 abr 2025 . Actualizado á 17:39 h.Por segunda noite, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón tivo que intervir nun incendio. O primeiro foi un urbano en Padrón e o da madrugada pasada en Rois, concretamente no Pazo do Faramello. O aviso produciuse ás seis da madrugada, despois de que prendese lume unha manta eléctrica nunha das estancias. Ata o lugar desprazouse o GES, xunto con bombeiros do Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Coruña con base en Boiro, Guardia Civil e Protección Civil de Rois. En principio, vista a magnitude do incidente, tamén foi mobilizado o servizo de bombeiros do parque de Ribeira aínda que, finalmente, a súa intervención foi anulada cando estaban de camiño a Rois. O lume afectou por completo a unha dos cuartos do pazo e o resto quedou afectado polo fume.
O titular do pazo explica que o incendio apenas «foi nada» e cando chegaron os servizos de emerxencia xa case estaba sufocado, segundo conta. O GES de Padrón leva unha semana intensa de saídas, xa que, ademais dos incendios, tivo que intervir o martes nunha saída de vía, que deixou o vehículo envorcado en Padrón, nun lateral da pista que conduce á desembocadura do río Sar no Ulla. Un particular avisou pola mañá da presenza do coche e ata o lugar desprazouse o GES, a Garda Civil e o servizo 061. Nese momento non había ninguén no interior do vehículo nin nas súas inmediacións, pero pouco despois apareceu o condutor, pero non estaba ferido, polo que non foi necesario o seu traslado a un centro médico.